
En A Franqueira veneran unha figura que sobreviviu ás razias árabes
27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.David Gesteira (A Cañiza, 1997) acaba de publicar A historia de Galicia en 30 obxectos (Aira editorial, 2025), un libro no que reflexiona sobre o pasado galego a través de ferramentas ou elementos da vida cotiá como campás, moedas ou reloxos. Cada un deles está asociado a un oficio, a un legado o a un momento histórico de relevancia. Probablemente, se tiveramos que volver atrás e elixir as figuras que marcan a historia de A Cañiza houbera unha dunha virxe, a da Franqueira. Está tallada en pedra e, probablemente, foi feita no século VII ou VIII.
«O que fai especial a historia desta virxe ten que ver coa chegada dos árabes a Galicia», indica Gesteira, tamén creador do podcast Descifrando a historia. Estes invaden á maior parte da península Ibérica no 711 e tamén chegan a Galicia, aínda que non se estableceron no tempo. Durante os seguintes séculos realizaron varios ataques e o máis soado foi no 997. Aquel ano o canciller do Califato de Córdoba, Almanzor, lanzou un ataque a Galicia que quedaría gravado na historia e deixaría moitas lendas en Galicia. O conquistador árabe arrasou todo o reino ata Santiago de Compostela, destruíu parte da súa catedral e, contan, que levou como trofeo de guerra as súas campás ata Córdoba. Non se sabe con exactitude se foi neste ataque, pero contan que os veciños da Cañiza decidiron enterrar a súa virxe da Franqueira para que os árabes non a destruíran.
«Dise que estivo máis de 400 anos agochada», conta David dende o santuario. «Ao parecer, atopouna unha muller que adoitaba vir por aquí co gando. Disque viu un resplandor no ceo entre uns penedos. Foi alí e atopou a virxe da Franqueira», continúa Gesteira. Hoxe, ese lugar é coñecido como Coto da Vella e ten un pequeno santuario cunha talla en pedra da Virxe que lembra o seu descubrimento.
Logo de atopala, os veciños discutían para ver onde colocarían á virxe. Non conseguían poñerse dacordo. «Entón, decidiron colocala nun carro de bois que ían cos ollos tapados. Os animais, ao principio, camiñaron dando voltas e logo foron chegar ata a zona onde se localiza hoxe. Este viaxe cos bois foi a orixe dunha das festas máis importantes da Cañiza, a da Romaría da Franqueira, que se celebra o vindeiro 8 de setembro cunha gran festa no municipio.