Roberto Vilar: «A retranca é unha maneira que temos os galegos de defendernos»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CANGAS

Pepa Losada

O humorista estará o sábado no auditorio de Cangas con «Continueixo»

22 may 2025 . Actualizado a las 14:46 h.

Roberto Vilar, o cómico que dirixe na TVG o programa Land Rober, estará o sábado 24 de maio no auditorio de Cangas co espectáculo Continueixon. As entradas se poden mercar en ataquilla.com a partir de 22 euros.

—«Continueixon» ten o mesmo formato que «Celebreixon?

—Si e non, porque o primeiro espectáculo era moi teatral e este é máis televisivo. Continueixon é como facer un pequeno Land Rober porque hai máis implicación do público, máis sketch e máis xogos.

—Mantén as sorpresas?

—A min gústame sorprender ao público e en Cangas non vai ser menos. Pode que apareza alguén que non estea previsto, pero non vai ser Iago Aspas porque ten que ir xogar a Getafe.

—Como se sinte na improvisación?

—Teño fama, e é verdade, de que improviso moito, pero tamén é verdade que eu levo todo escrito. No teatro é máis doado improvisar porque na televisión a improvisación pode chocar coa parte técnica. No teatro, tes liberdade absoluta, non pasada nada e podes falar co público, e iso é moi atractivo para un cómico coma min.

—O público galego reacciona do mesmo xeito en todas as zonas?

—Eu teño cada vez máis a sensación de que os galegos somos todos distintos (ri). Eu, hai dez anos, pensaba o contrario, pero agora recoñezo que somos moi distintos, porque cada función que facemos en diversos sitios de Galicia, a reacción do público é completamente distinta. De todos xeitos, eu non teño nin idea de público porque toda a xente que está indo a esta segunda parte, me di que está mellor ca primeira, cando eu penso que é ao revés. Eu non entendo nada.

—O humor galego é distinto ao de outras partes?

—Non sei se é o humor, pero si é distinta a maneira de relacionarse coa comedia, e ademais creo que é mellor. Sánchez Dragó dicía que Andalucía ten sentido do chiste, pero que realmente quen ten sentido do humor é Galicia. Eu creo que en ningún país do mundo pode pasar algo que eu vin. Un rapaz que entrou na habitación do seu pai, que estaba moribundo, e ao saír dixo: «Este pollo ya está frito». É o dixo completamente serio. En outro país dirían que non lle doe a morte do seu pai, pero si que lle doe, é a súa maneira de defenderse. A retranca é unha maneira que temos os galegos de defendernos.

—E nese xeito de defendernos poñémonos límites?

—Para min o humor non ten límites, pero eu tampouco quero molestar gratuitamente a ninguén. No exemplo que puxen habería xente alí que lle parecería mal, pero o rapaz estaba no seu dereito. Se alguén se ofende está ben, pero ofenderte non che da dereito a nada máis que a iso; non podes por elo amplificar o teu sentimento cara aos demais.

—Manterá aberta esta vía de facer espectáculos nos teatros?

—Iso depende dos gastos que vai tendo (ri). No teatro ves a xente antes e despois, veslles as caras e notas o cariño. Iso é unha barbaridade para calquera actor.

—Por certo, como actor, ten unha faceta dramática?

—Non teño nin idea.

—E non lle tenta sabelo?

—De momento, non.