O mosense Samuel Merino gaña o Premio Manuel Lueiro Rey do Concello de Fornelos
FORNELOS DE MONTES

O poemario premiado levou o titulo Manual de camuflaxe
21 ene 2025 . Actualizado a las 22:56 h.O mosense Samuel Merino Gómez resultou gañador da XIII edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, que convoca o Concello de Fornelos de Montes. O xurado foi unánime na súa decisión ao elixir o poemario presentado baixo o título Manual de camuflaxe.
Os membros do xurado destacaron «a forza incontible das imaxes, a intensidade de citas e alusións intertextualizadas e o elaborado dunha estética que proxecta unha arañeira de sentido tecida no diálogo cos mellores filósofos e os máis rupturistas escritores do Occidente do noso tempo».
O xurado estivo conformado por Luís Cochón, como presidente, e Mercedes Queixas, Charo Lopes, Oriana Méndez e Armando Requeixo, como vogais, e Carmen Carreiro, como secretaria.
«Escrito con gran pasticidade escénica e abraiante capacidade evocadora», este poemario atrapa, segundo afirmou o xurado, pola súa «elaborada arquitectura, que se proxecta nunha estrutura circular onde a enunciación metapoética comeza e remata o conxunto nunha esfericidade de impecable execución».