O home que achegou Mesopotamia e Galicia

Laura Ríos
Laura ríos RIBEIRA / LA VOZ

MOAÑA

CARMELA QUEIJEIRO

O profesor foi o primeiro en pasar ao galego o código de Hammurabi e pronto publicará un novo traballo

12 jun 2023 . Actualizado a las 21:55 h.

As grandes obras da historia da humanidade son unha especie de alimento máis alá do terreal, unha fonte de sabedoría a través do tempo da que calquera debería poder beber. Ese é o obxectivo de Xosé Antón Parada, (Moaña, 1952), que leva moitos anos achegando Mesopotamia a Galicia traducindo textos orixinais en acadio e sumerio á lingua de Castelao.

Este gusto por traer á modernidade a cultura antiga non vén de hai dous días. O bichiño por non querer parar de aprender picouno mentres se formaba no seminario de San Martín Pinario de Santiago, no que, mentres estudaba teoloxía, lle encomendaron a tarefa de coidar e catalogar os libros de Ángel Amor Ruibal, un sacerdote, filósofo e lingüista de finais do século XIX e principios do XX que deixara unha grande colección de obras detrás.

Alí foi onde entrou en contacto con historias escritas en idiomas indoeuropeos que pronto espertarían nel unha enorme curiosidade. A ansia por coñecer a Historia e facelo de primeira man levouno a estudar Filoloxía Clásica e converterse nun consagrado políglota, pois domina o galego, castelán, inglés, francés, alemán, acadio, sumerio e algunhas outras linguas menos coñecidas. Aínda que o oficio que lle permitiu gañarse a vida foi o de mestre, o ribeirense adoptivo, pois leva máis de 40 anos vivindo na capital barbancesa, sempre sacou tempo nas súas vacacións para traducir as grandes obras da humanidade.

Dez anos

O seu traballo máis senlleiro polo tempo e esforzo que lle levou, foi o Código de Hammurabi, un proxecto no que estivo inmerso dez anos: «O malo disto é que para traducir cinco ou seis liñas teño que consultar moitos artigos de outros autores para ver posibles interpretacións». Este método tan coidadoso nace da necesidade do barbancés de ofrecer aos lectores un texto o máis fiel posible ao orixinal, por iso non utiliza recursos noutras linguas, se non que recorre a fontes fidedignas, aínda que sexan máis difíciles para descifrar. O obxectivo de Parada non é outro que o de chegar ao público. «O que busco é que a xente poda entrar en contacto coa antiga Mesopotamia, por iso inclúo prólogos longos nos que explico o contexto sociocultural da época».

As súas creacións trátanse dunha rara avis no panorama cultural, pois é o único autor de toda a comunidade que traduciu ao galego o Código de Hammurabi: «Cando o director da editorial me ofreceu traducir dende o latín ou o grego, eu díxenlle que non, que mellor dende o acadio, quedou perplexo». Pensa que achegar aos grandes autores a esta esquina da península «dignifica a lingua, que entra en contacto con contidos de incalculable nivel cultural».

A parte da coñecidísima compilación de leis mesopotámicas, o ribeirense tamén traballa na tradución de pequenos poemas como o de Atar-hasis, que conta o mito do diluvio universal e de como o un home máis sabio que os demais tería que ser o encargado de preservar a vida animal para a creación dun mundo mellor e máis xusto. «Así sabemos de onde sacaron os autores da Biblia este relato».

Novos proxectos

Como investigador, o barbancés explica que non é quen de andar coas mans quietas. «Hai que manter a mente ocupada», aclara. Por iso pronto será editada a adaptación ao galego cun código sumerio anterior ao de Hammurabi e no que poden encontrarse normas tan á orde do día como a de non maltratar aos animais polo seu comportamento. «Daquela, se a alguén lle escapaba un boi e causaba unha desfeita, considerábase que o culpable era o dono e non a besta, por non terlle aprendido ben, igual que pasa agora cos cans».

Comparte que o prato forte virá cando poida ver a luz a epopea de Gilgamesh que está preparando: «É unha obra moi importante, trátase do primeiro poema épico da Historia, narra as peripecias de Gilgamesh, un rei sumerio que foi posto a proba polos deuses pola súa actitude autoritaria». Explica que se atopa na metade da tradución, pero que lle encantaría velo algún día publicado. «Se a saúde mo permite, seguirei poñendo o meu gran de area cada día, sempre que estou na casa ando argallando algo, ata hai veces que quedo de noite porque hai menos ruído».