A Deputación de Pontevedra entrega os premios de Boas Prácticas en Igualdade

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

MOAÑA

Deputacion

Entre as recoñecidas, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, Entre Bambalinas e o Poio Fútbol Sala 

25 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha sentida homenaxe ás dúas mulleres vítimas da violencia de xénero que foron asasinadas este ano na provincia, a Deputación Pontevedra foi escenario este xoves da entrega dos primeiros premios Boas Prácticas en Igualdade, uns galardóns impulsados polo executivo de Luis López para recoñecer o labor de persoas e colectivos de todos os ámbitos da sociedade pontevedresa para construír unha provincia máis xusta. «A loita pola igualdade non reside en ningún despacho, non é exclusiva de ningunha área nin é propiedade de ningunha persoa. É un movemento transversal que abrangue todos os ámbitos da vida política e social desta provincia», remarcou.

Deputacion

A primeira distinción en entregarse foi a adicada a entidades de iniciativa social, que recaeu na Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, categoría na que a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama conseguiu un accésit. En cultura, o recoñecemento foi para Entre Bambalinas de Moaña, mentres que en deporte, o Poio Fútbol Sala levou o primeiro premio e o Balonmán Cañiza, o accésit.

Deputacion

No eido da educación, o galardón concedéuselle ao IES Illa de Ons de Bueu, mentres que o accésit foi para o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela da Lama. Finalmente, entregáronse dúas distincións honoríficas, unha para o Centro de Información á Muller da Guarda e outra, a título póstumo, Carmen Lago Fernández, fundadora da iniciativa social Faraxa pola abolición da prostitución.

Deputacion

«Non é a primeira vez que digo que vivimos nunha provincia extraordinaria chea de xente extraordinaria. Pero o voso labor, o voso compromiso e a vosa sensibilidade non deixa de demostralo. É o voso traballo o que nos moveu a organizar por primeira vez estes premios de Boas Prácticas en Igualdade», engadiu Luis López ao respecto.