De foliada con Malvela, Uxía e os maiores da residencia Doral ao ritmo do «Pirimpimpín»

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez MOS / LA VOZ

MOS

Carla Bernárdez

As cantareiras compartiron máis dunha hora de concerto para celebrar o Día das Letras Galegas

16 may 2025 . Actualizado a las 01:14 h.

Teresa e Leo están sentadas nun banco en primeira fila. Moven as mans ao son da música. «Amoriños collín na beiriña do mar. Amoriños collín, non os podo olvidar...» cantan a coro con Uxía Senlle e a Malvela. Viñeron visitalas a elas e a todas as persoas usuarias da residencia Doral de Mos para celebrar con música o Día das Letras Galegas que, este ano, está adicado ás cantareiras. «Pirimpimpín, pim, pim, Manolo vira pra acá, Maria vira pra aquí», continúan. Ao momento, gran parte das persoas usuarias erguen as súas mans para facer a coreografía dunha canción «que escoitamos moitas veces na tele», di outra. Algunhas tamén deixan a cadeira atrás para botarse a bailar con María, a súa técnica de animación e, tamén, cantareira.

«É un orgullo estar aquí», di Paca, de Malvela, o grupo de cantareiras con sede en Mos. «Eu nacín cantando en galego nunha aldea na que non chegaba nin o coche», lembrou. «Temos a lingua máis bonita do mundo», di unha muller que aprendeu a aturuxar de moi pequena. «Antes, cando as mulleres íamos a levar a comida aos homes que traballaban no monte, avisabamos cun aturuxo», lembra. A historia de Paca é unha que comparten a gran maioría das mulleres que están a cantar na residencia. A música foi un lugar común para o bo e, tamén, para o malo. «A pandeireta é a arma da muller galega», dicía Uxía antes de volver a unha desas cantigas que unen historias nese xardín da residencia Doral.

Guitarra na man, María fai de condutora deste serán. Ela coñece ben o poder das cancións. É a encargada dos talleres de musicoterapia na residencia e tamén a directora dun coro, formado na súa gran maioría, por usuarios con diversidad funcional. «Se vas ao San Benitiño», canta Cándido precedendo os coros das súas compañeiras. Ao seu lado, as Malvelas e Uxía continúan a canción en baixiño, abraidas polo «ben que o fan». Pasan máis dunha hora cantando en comunidade e revivindo memorias a través do «poder da música», destaca o director da residencia, Manuel Añón. «Temos moitos talleres educativos aquí, pero o de música funciona moi ben con todos. Vemos como persoas con demencia reaccionan a ela e ata interactuan», conta. Ao seu redor, todo o mundo atende a unha das cancións.

«Sentímonos novas cantando», din en Malvela, que, tamén, aproveitan para destacar que a música de raíz está «máis viva ca nunca». Poden sentilo nos seus concertos e coa xente nova que está botándose a cantar como fixeron elas hai máis de 20 anos cando crearon Malvela. «Xa iba sendo hora que viñeramos aquí. É un orgullo compartir cancións con vós», conclúen entre aplausos. Malvela actuará mañá ás 13.00 horas en Ames e o domingo no Rosal ás 20.00 horas.