Alfonso del Moral

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

O PORRIÑO

20 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi moi emocionante. O venres día 13 era homenaxeado no Porriño Alfonso del Moral Aguilera, que facía 87 anos. Naceu en Santa Olalla, da provincia de Toledo, en xaneiro de 1936, nun fogar moi humilde e nas vésperas de acontecementos que marcarían o seu vivir. A súa biografía é a de miles e miles de españois que, nesas datas, non naceran en berce dourado: pouca escola, traballo de adulto sendo neno, oficios mal pagos xa home, emigración a Europa e algúns aforros no «labourar arreo» da diáspora, en Alemaña, en Núremberg.

Pero Alfonso del Moral non tardou en abrir os ollos e decatarse de que non había que domear o espiñazo, nunha época na que podían partirllo. El sabíao ben desde moi novo: a casa de seus pais e un eido pasaran, en 1939, ás mans do alcalde. De todo isto fala este traballador esforzado e honrado no libro La crónica silenciosa, publicado, hai dous meses, por Libros del Futuro. Foi presentado, na noite do día 13, nun acto presidido polo respecto e a admiración ao seu autor, ben coñecido na comarca porriñesa pola súa loita como obreiro comprometido cos dereitos dos seus compañeiros. Non asistiron á homenaxe os que, na televisión, din, coa boca pequena, defendelos; tampouco as autoridades. Teño a esperanza de que este libro sinxelo, sincero e conmovedor de memorias sexa lido por algúns dos non asistentes. Contén páxinas excelentes, sobre todo nos capítulos da infancia e da adolescencia.

Finalizado o servizo militar, Del Moral emigra, en 1963, a Alemaña, e alí, en Núremberg, asiste —así o confesa— á universidade, que era o Centro Español da cidade, tapadeira de lecturas e conversas do Partido. El, moi amigo de ler, xa de pequeno intentara verificar se fora real un episodio do Lazarillo de Tormes protagonizado, nunha ponte do río Alberche, polo cego e polo seu criado, Lázaro.

Un día, en Núremberg, asiste Alfonso del Moral a unha manifestación contra a guerra de Vietnam e bate alí con Carmen, galega do Porriño, hoxe nai dos seus tres fillos. A ela dedica o libro: «A mi infatigable compañera de vida y lucha, Carmen». Que tamén foi agarimosamente aplaudida na homenaxe.