Proba do algodón para o líder Asmubal co Porriño B

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

O PORRIÑO

MONICA IRAGO

As de Juan Manuel Costas reciben a un filial de Liga Iberdrola

12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Líder incontestable tras as tres primeiras xornadas de Liga, o Inelsa Solar Asmubal Meaño ten esta tarde (Pavillón Coirón Dena, 20 horas), unha desas probas do algodón que miden o grao de solidez dun equipo que aparenta ter madeira de campión. E sen facer gala de tal condición nunca ata o momento nas filas meañesas, o certo é que o arrinque da Liga de División de Honor Plata Femenina sitúa o cadro que dirixe Juan Manuel Costas na tesitura de figurar como o rival a bater polo resto de integrantes do Grupo A da terceira categoría do balonmán feminino español.

Hoxe toca medirse ao Rubensa Indupor BM Porriño. Filial do equipo galego da Liga Iberdrola, a categoría elite, as súas xogadoras non van ofrecer un partido tan plácido como o dos tres rivais precedentes, sinala o técnico do Asmubal. Dous deles, chamados a pelexar toda a Liga por eludir os dous descensos ao termo da temporada, cun 23-38 na cancha do Balonmano Santa Cruz de Tenerife na xornada inaugural e un escandaloso 24-48 na pista do Club Deportivo Balonmano Fuentes Carrionas. E entre os dous encontros, no ata hoxe único encontro do Inelsa Solar ante a súa afección no parqué de Coirón, superando con inesperada contundencia a un Club Balonmano Getasur co mellor cadro de xogadoras do grupo xunto co do Balonmano Gijón, colíder co Asmubal, na opinión do técnico deste último.

«Creo que vai ser un partido diferente ao dos anteriores, complicado, o Porriño segue co labor de fichar rapazas interesantes de cara a traballar con elas para nutrir despois o seu equipo de Liga Iberdrola», apunta Juan Costas. Entre elas, a lateral esquerda Aroa, que xa ten os seus minutos na máxima categoría e que está a ser a xogadora franquicia do Porriño B co seu potente lanzamento, sendo ademais a tiradora de sete metros.

Carla Baltasar, outra primeira liña, e as pivotes Iria Benaches e Marta son as outras pezas que sobresaen do rival desta tarde na opinión do técnico do Asmubal Meaño, un rival que alterna as defensas en 6-0 e 5-1.

Fará ben pois o cadro anfitrión en elevar as alertas que os seus espectaculares números nas tres primeiras xornadas poden tentalo a baixar. Manter a súa sólida defensa, capitaneada no centro do arco pola parella formada por Cárol Ferreira e por Vanesa Domínguez, debe volver ser o punto de partida do Asmubal.