A artesá Julia de la Cal vén de gañar o certame de Artesanía de Galicia 2024 coa súa cesta «Periferia #01», unha obra que nace dun produto que é «tecnoloxía punta e co que se pode facer de todo»
13 dic 2024 . Actualizado a las 01:41 h.Julia de la Cal (O Porriño, 1981) fixo do vimbio a súa forma de vida. Non o mamou de nena, nin creceu vendo a súa avoa traballalo. O seu amor por este oficio ancestral chegou en Barcelona, cando estaba a facer un ciclo en deseño industrial con 30 anos. Alí, descubriu o vimbio, volveu a Galicia, fundou La Parabólica, o seu propio taller, e hoxe é a flamante gañadora do premio de Artesanía de Galicia 2024. Aínda non o cre de todo, «foi unha alegría tremenda», destaca. É a primeira vez que se presenta a un recoñecemento no que compartía espazo «cos maiores», di, entre risas. Fala dos mestres artesáns que levan máis tempo no oficio e aos que admira. Ao final, apuntouse porque persoas que coñecen o seu traballo insistían. E alá foi ao taller. Colleu os vimbios, fixo dúas capas de tiretas con eles e logo mesturounos con cemento e pigmentos cor pastel. Así naceu «Periferia #01», a peza coa que gañou o premio.
A obra é como unha cesta tradicional, pero desprovista da súa función. «Estas creacións sempre se relacionaron coas cousas que levaban dentro, é dicir, o contedor estaba marcado polo contigo, pero eu quería explorar como sería unha cesta desprovista do seu obxectivo», conta. Así naceu «Periferia#01», unha obra das moitas que nacen no taller de La Parabólica de Julia de la Cal. Ao final, a súa peza e o seu obradoiro de traballo son un pouco coma a súa vida. «Combinan linguaxes de onde eu veño. Periferia é un obxecto hibirido que mestura o saber tradicional coa miña propia traxectoria», destaca.
De pequena, Julia non sabía nada da tradición nin tiña idea de como traballar o vimbio. «Eu quería ser unha gran deseñadora gráfica», lembra. Os seus primeiros traballos tiñan relación coas creacións dixitais. Logo, para seguir avanzando e aprendendo, decidiu marchar a Barcelona para estudar deseño industrial na Escola Massana. Alí descubriu por primeira vez o taller, «a sensación de manchar as mans ao traballar co propio produto e decidín que ese era o meu mundo», lembra. Na escola catalá tamén aprendeu varios oficios artesás, entre eles, o traballo co vimbio.
Julia decidiu que ese produto sería o que marcara o seu camiño. Non tiña tradición familiar para sustentar a súa decisión, pero estaba sorprendida co vimbio. «É tecnoloxía punteira. Pódese crear de todo con el. Serve para facer cestas, barcos, tellados, cimentos e outras tantas cousas», destaca.
De volta ao Porriño, Julia comezou a traballar para dar forma ao seu taller. Tamén decidiu ter a súa propia plantación de vimieiro, o arbusto do que saen os vimbios. Hoxe ten unha leira na que crecen varios. De aquí saca unha boa parte dos seus materiais, que trata que sempre sexan da zona. «O vimbio en gran parte é meu, logo tamén utilizo casca de eucalipto que xa vou coller ao monte e logo, depende do que sexa, traballo con provedores de toda a Península Ibérica. Merco cousas contadas fóra», explica.
A forma de traballar de Julia e doutros tantos artesáns é un traballo manual, que ten os seus tempos. Os ciclos de crecemento do propio vimbio é un dos que vén imposto. «Aquí todo vai máis lento. Temos un ritmo diferente ao do resto do mercado e iso é positivo, pero, hai xente, que non o sabe», explica. «Hai clientes que nos chaman e queren todo para onte», indica entre risas.
Volver aos saberes tradicionais é un camiño que Julia recomenda. «Hai moito coñecemento por descubrir e aprender», indica. Ela ofrece talleres para espallar o oficio do vimbio con maiores e cativos. Con eles percorre Galicia e España e está a descubrir que «hai rapazada que xa non sabe o que é un vimbio. De feito, hai moitos que pensan que é bambú». Sorpréndelle. «Cando eu era pequena todos sabíamos o que era porque se utilizaba no día a día», indica. Os tempos cambian, tamén os usos da natureza. Por iso, para ela é importante a súa labor de divulgación dentro do oficio. Tamén entende que «a rapazada non se interese moito polo legado. Ao final, é un saber e unha afección que chega co tempo. Eu, por exemplo, descubrín que me encantaba con 30 anos». Malia todo, «ensinar os saberes tradicionais aos pequenos é importante porque deixas ese xermolo dentro deles», incide.
Julia recoñece que o premio é un gran apoio a unha carreira na que tivo e ten que traballar moito. «Para poder vivir disto non hai que ter fillos nin hipoteca», di, entre risas. Sabe que hai moito de verdade nesa frase. Ela tardou uns anos en poder adicarse de forma exclusiva ao traballo do vimbio e «tampouco nado na abundancia», indica. Ademais, insiste en que o traballo tradicional tamén ten que se compaxinar co moderno. «As redes sociais son moi importantes para conectar coa xente», conclúe.