A igrexa de Santa Locaia de Guillade e a forza da xente común

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez PONTEAREAS / LA VOZ

PONTEAREAS

Castelos no Aire

Unha excavación descubre máis restos do templo medieval de Santa Locaia

25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na parroquia de Guillade (Ponteareas) os máis maiores sabían que preto do barrio da Vigaira estaban os restos dun templo no que se enterraran aos veciños máis antigos da parroquia. A tradición oral que foi pasando de xeración en xeración era das mellores pistas que tiñan os historiadores. Os restos non estaban á vista e a xente de Guillade tampouco sabía cando desaparecera ou se existira. No 2009, os investigadores Miguel Romaní e Pablo Otero divulgaron o documento máis antigo do fondo de Santa María de Melón, datado no século X, e que falaba da «domus Sancta Leocadia», unha igrexa que foi construída coas achegas da propia xente da aldea.

«A fundación comunitaria dun templo é algo moi raro na documentación medieval galega. Gran parte das iniciativas viñan impulsadas pola nobreza», indica o arqueólogo do proxecto de investigación da Universidade de Santiago Castelos no Aire, Mario Pereiro. El e os seus compañeiros veñen de rematar a escavación no lugar para tratar de confirmar co arqueoloxía a fundación comunitaria de Santa Locaia e a súa datación. «Pensamos que si o podemos verificar», di Pereiro coa prudencia do investigador que aínda ten que realizar máis probas. «Hai dúas evidencias arquitectónicas. Unha pía bautismal e un fuste do altar, que atopamos na escavación. Este ten unha decoración reticulada que podería inxerirse nas prácticas da Alta Idade Media», indica. Ademais, lembra, de novo prudente, que «non sabemos se foi creado ou reutilizado doutro lugar».

Castelos no Aire

A escavación tamén trata de aportar pistas para saber como e cando desapareceu esta igrexa. Pereiro tamén destaca a rica tradición oral que mantivo viva a historia desta igrexa. «Queremos agradecer a toda a xente de Guillade que viu a axudarnos e a interesarse pola escavación. Realmente, para eles, foi un shock saber que alí había realmente algo como lle dicían as súas avoas», continúa. É, en definitiva, unha forma de demostrar «o valor da arqueoloxía e da ciencia para documentar que o noso país non é unha creación casual».

Santa Locaia tamén é unha forma de entender a historia desde os seus protagonistas: o pobo. «Normalmente, estudamos o pasado falando de grandes figuras, todas homes, e esquecemos que as comunidades rurais estabas vivas e que tiñan moito poder. «Como neste caso, que 20 persoas humildes crearon unha iglesia para a súa aldea», conclúe.