A Deputación estará presente nas feiras do libro de O Porriño, Redondela, Vigo e Ponteareas

REDONDELA

XOAN CARLOS GIL

A caseta da entidade provincial promocionará ás súas publicación a partir de maña na vila do Louro

26 may 2021 . Actualizado a las 13:14 h.

O Porriño, Redondela, Vigo e Ponteareas están incluídos no circuito das feiras do libro que impulsa a Federación de Librarías de Galicia, e que contarán co apoio da Deputación de Pontevedra. Nas catro feiras, a Deputación vai contar cun stand institucional no que visibilizará as numerosas accións culturais e formativas que desenvolve para apoiar á escrita, de xeito especial a Escola de Letras.

O libro que recolle unha escolla de textos do alumnado do primeiro ano da Escola, Tes cinco minutos #1, será un dos eixos centrais xunto a outras publicacións de Turismo Rías Baixas. Tamén, as persoas visitantes poderán coñecer a través dun audiovisual as distintas actividades da programación que, co lema Aviventa Cultura, está a celebrar a Deputación para insuflar alento ao sector cultural trala pandemia, así como os distintos programas que desenvolve ao longo do ano.

Doutra banda, tamén estarán a disposición das persoas visitantes varios libros para consulta, que poderán adquirirse nas outras casetas das librarías participantes. Amais do citado Tes cinco minutos #1, de Galaxia, figurarán tamén María Vinyals. A muller do porvir (Editorial Alvarellos, 2019) e O Castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias , ambos de Diego Piay Augusto e editados por Alvarellos, así como Galaicos. Un pobo entre dous mundos (Alvarellos, 2018) de varios autores e autoras.

A primeira das feiras nas que participará a Deputación de Pontevedra será a de O Porriño, que se celebra desde este xoves 27 ata o 30 deste mes de maio na rúa Ramón González. Posteriormente, terán lugar as de Redondela (do 17 ao 20 de xuño na Alameda), Vigo (do 1 ao 10 de xullo na rúa do Príncipe) e a de Ponteareas (do 15 ao 18 de xullo na praza Maior).