Soutomaior honra a Maruja da Cregha entre pandeiros, baile e memoria viva

Monica Torres
Mónica Torres SOUTOMAIOR

SOUTOMAIOR

cedida

Unha fin de semana chea de ritmo e tradición abre a celebración das Letras cunha homenaxe pioneira no corazón de Cortellas

30 abr 2025 . Actualizado a las 13:41 h.

Soutomaior abre este sábado a súa celebración das Letras Galegas cunha homenaxe emotiva e chea de identidade: o recoñecemento á figura de Maruja da Cregha, histórica tocadora de pandeiro de Cortellas (1931-2013), e un referente da música tradicional galega.

A programación comeza o venres coa realización dun obradoiro de construción de pandeiros cadrados, impartido por Xosé Maceda Gallego, na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval, e dirixido a maiores de 12 anos. Unha actividade de balde, con prazas limitadas, onde as persoas participantes elaborarán o seu propio instrumento mentres aprenden sobre o seu significado cultural.

O sábado será o día grande desta celebración. Á unha colocarase unha escultura en homenaxe a Maruja da Cregha diante da Casa do Concello. Xa pola tarde, desde as catro terán lugar unha serie de actos simbólicos na súa aldea natal, Cortellas, coa inauguración dunha placa conmemorativa e a participación da súa familia.

A partir das catro e media celebrarase a palestra Maruja, entre pandeireteiras anda o conto, moderada por Vane Barreiro, coa intervención de figuras destacadas da cultura e da música como Xabier Díaz, Lucía Lorenzo, Isabel Blanco, Marcelo Dobode, Begoña Fernández e Olalla Lomba. Un encontro que quere poñer en valor a transmisión oral, o saber popular e a importancia das mulleres na preservación da nosa tradición.

Ás seis e media chegará o momento do baile tradicional da man de Marcelo Dobode, nun obradoiro aberto para maiores de 10 anos, onde se traballarán os puntos básicos e estruturas coreográficas propias da zona.

O broche final porao o Serán pola Lingua, que comezará ás oito na carpa instalada en Cortellas. Unha festa aberta para toda a veciñanza e visitantes, con música en directo, baile e petiscos para as persoas asistentes. Desde o Concello animan a «vir tocar, cantar ou bailar, e celebrar con orgullo o noso patrimonio inmaterial».