
A figura adicada á agricultura construíuse no 1934 e foi agochada no 1936. Máis de 60 anos despois os veciños atopárona o día do aniversario de Víctor Rolán
06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Andrés Seves lembra entre risas como un veciño seu de Carregal (Tomiño) foi un día a unha romaría a Forcadela. «Alí gustoulle unha muller», conta. Quería sacala a bailar e alá foi. Preguntoulle de onde era e el díxolle que de Carregal. A muller riu e respondeu: «Maldito Carregal que non ten santa, nin santo, nin cura que lle dea misa», continúa Andrés. Foi a onde doe. Os veciños do lugar, aínda hoxe, defenderon sempre que tiñan unha identidade propia que lle arrebataron. «Carregal vén de cargadoiro», explica Andrés, que lembra que o lugar foi sempre un punto de importancia para o comercio de madeira e o contrabando de mercadorías.
«Coa reordenación do territorio realizada polo Goberno español en 1833, Carregal pasou a formar parte da parroquia de Amorín», indica a historiadora Natalia Jorge Pereira. A administración provocou unha ferida na identidade dos veciños que duraría longos anos. Case cen anos máis tarde, no Baixo Miño da II República, unha sociedade agraria de Carregal decidiu crear un símbolo físico da súa identidade. Esculpiron nunha pedra branca a figura dunha muller xunto a varios símbolos do agro que ilustraba a importancia da agricultura para Carregal. Tampouco é casualidade que escolleran unha figura feminina. «Aquí as mulleres sempre foron moi importantes», engade Víctor Rolán, outro dos veciños. Ao seu lado, Pura Martínez lembra como a súa nai contáballe que unha das tomadas máis importantes do lugar foi feita pos dúas mulleres nunha soa noite.
«Houbo a xente que non lle gustou que Carregal tivera o seu propio símbolo», continúa Natalia Jorge. «Bombardeárona», engade Andrés. Non se sabe quen foi, pero unha noite un grupo de persoas colleu a figura e rompeuna en anacos con tres bombas. Os veciños buscaron culpables. «Había xente que dicía que era o meu pai, pero el non foi. Estaba pescando no río cando bombardearon a figura», explica Pura. As autoridades detiveron naqueles anos a dous veciños de Amorín, pero quedaron absoltos por falta de probas.
Co golpe de estado do 1936 e a rápida toma de Galicia polo bando sublevado, varios veciños de Carregal decidiron agochar a súa figura, aínda rota, no antigo torreiro da festa. «Enterrárona», lembra Víctor Rolán. El criouse, como Andrés e Pura, escoitando historias sobre a figura que estaba baixo terra. Os veciños, sen sabelo, foron construíndo unha lenda en torno a figura. Ninguén sabía con exactitude onde estaba. «Agochárona con moito coidado», engade Natalia. Os veciños non querían que o réxime franquista destruíra unha figura que, aínda que non o era, «había xente que a consideraba comunista». Na tradición oral a figura da agricultura foi, pouco a pouco, recibindo o nome da Santa de Carregal, aínda que os veciños tamén a coñecían como a «Muller traballadora». Foi adquirindo, desaparecida, unha identificación coa identidade da parroquia que non desapareceu en máis de medio século.
64 anos despois de que a enterrarán, Víctor Rolán, que era aquel ano presidente da comisión de festas de Carregal, decidiu tratar de atopala. Sabía máis ou menos por onde estaba, de novo, grazas a tradición oral. «Chamei ao alcalde para que nos deixara a escavadora do concello», continúa Víctor. Rapidamente, máis veciños se apuntaron á busca, entre eles, Joaquín Seves, que era o pai de Andrés. «Era o día do meu aniversario», lembra Rolán. Foron ata o sitio onde se falaba que estaba e, efectivamente, alí a atoparon baixo 30 centímetros de terra. Andrés tamén lembra que a levou a unha fábrica na que traballaba para recompoñela e deixala coa imaxe que ten hoxe.
«Foi un orgullo para todos», lembra Andrés. «É a súa identidade», completa Natalia. Os tres veciños e a historiadora lembran dende unha mesa de pedra no torreiro de Carregal a historia. A poucos metros está a súa «Muller traballadora» apoiada ao carón dun bar. Pura tamén avisa de que as novas xeracións están deixando de coñecer a historia dunha estatua que marcou a memoria de tantas persoas. «A xente nova di que son cousas pasadas, pero son nosas e hai que contalas», engade cun sorriso. Ela é outra desas tantas mulleres de Carregal que inspiraron a figura co seu traballo na terra.