Con mais de sete toneladas e 63 campás, o espectáculo conta cun repertorio musical amplo
24 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Escóitanse os primeiros acordes de O fantasma da ópera. Con esta canción, Ana Elias abre o seu espectáculo de carillón itinerante. Aínda que existen vinte de este tipo no mundo, o seu é o mais grande de todos. De aparencia, un rectángulo negro composto por unha estrutura que sirve de soporte. Dentro e á vista, 63 campás de diferentes tamaños que suman un total de sete toneladas de bronce. Ela, desde o seu asento, é a encargada de crear os sons con toda esa infraestrutura.
A súa paixón polo instrumento ven de moitos anos atrás. «Cando estudaba inscribinme nun curso libre de carillón», explica esta artista portuguesa. Contra todo prognóstico, gustoulle, e, a partir dese momento, nunca deixou de experimentar co instrumento facendo todo tipo de música. O descubrimento levouna a estudar durante sete anos en Bélxica, na Real Escoela de Carrillão en Mechelen, onde obtivo o seu título oficial de carillonera.
Porén, o inicio do seu proxecto veu da man dun certame. Xunto a súa irmá, Sara Elias, presentou a idea dun carillón itinerante a un concurso de innovación. «Gañamos, e iso foi o que nos permitiu desenvolvelo», relata Ana.
A partir de materializalo, a artista coñeceu o mundo coa súa creación. Á marxe de concertos realizados no seu país, Portugal, percorreu unha boa parte de Europa, Estados Unidos, Nova Zelanda e Australia. Hoxe tocará por primeira vez en Tui (Paseo da Corredoira, 18.00 horas, entrada libre) no marco do festival Ikfem. O evento que acolle un cartel moi ecléctico xira en torno ao teclado, o que ela emprega para accionar os martelos que fan soar as campás.
Un dos obxectivos que pretende acadar Elias co seu espectáculo é o de romper fronteiras musicais. «O carillón é un instrumento tradicionalmente ligado a músicas relixiosas, pero eu quero demostrar que nel tamén se poden tocar cancións populares», explica. Por iso, o seu repertorio vai desde temas de Michael Jackson ata o Para Elisa de Beethoven. Para pechar, sempre acude a música portuguesa, como a canción Amar pelos dois de Salvador Sobral.
O motivo desta escolla non é outro que a reacción do público, algo que sempre ten moi presente. Nun principio, a idea era tocar unicamente música feita para o carillón, pero pronto viu «que a xente gozaba mais co outro». «Gústame falar co público, e doume conta cando bailan, cantan e o pasan ben». Por iso, tamén prepara o repertorio con cancións «que todo o mundo coñeza». A reacción, segundo ela, sempre é mellor.
Conexión co público
En Tui, como novidade, interpretará uns cantos temas da banda sonora da serie La casa de papel. Sintonías facilmente recoñecibles por todo o mundo. Para fomentar esta interacción co público, tamén coida a forma de organizar e distribuír o espazo. Coloca as cadeiras o mais próximas posibles, tendo en conta que, desde moi preto, o espectáculo non se podería contemplar na súa totalidade. «O ideal é separalas uns cantos metros para poder ver e escoitar ben», indica.
A parte, entre cancións, aproveita para contar historias curiosas relacionadas co tema. Por exemplo, que Leonard Cohen tivo dificultades para rematar o Hallelujah, unhas das cancións que interpreta, ou que o primeiro título do sinxelo Yesterday dos Beatles era Scrambled Eggs (ovos revoltos). Cando remata, deixa que os asistentes toquen o instrumento para que poidan crear os seus propios sons.