Falece Xosé Martínez Tato, concelleiro do BNG en Tui, un home de loita, deporte e entrega á súa comunidade
TUI
![](https://img.lavdg.com/sc/l7tc_PDhgBcSO2l3N6POwWsBs18=/480x/2025/01/27/00121738006382792693112/Foto/v_20250127_195241000.jpg)
A súa morte repentina deixa un gran vacío na vida política e social da comarca do Baixo Miño, onde foi un referente de traballo e solidariedade.
27 ene 2025 . Actualizado a las 21:15 h.Xosé Martínez Tato, concelleiro do BNG e unha das figuras máis queridas e respectadas na vida política e social de Tui e da comarca do Baixo Miño, faleceu esta tarde por causas naturais aos 70 anos. Acudiu polos seus propios medios ao centro de saíde tras sentirse indisposito e faleceu a media tarde deixando atrás unha carreira de servizo público que marcaría a moitos.Hai uns meses sufrira un ictus.
Xosé Martínez Tato, casado, pai de catro fillos e avó admirado, entrou na corporación municipal en 2013, substituíndo a Carmen Verde, que renunciou á súa acta por motivos laborais. Durante os seus anos de traballo no Concello, Tato destacou pola súa implicación, a súa capacidade de escoitar e polo seu incansable traballo en beneficio dos veciños de Tui. Ao longo da súa traxectoria política, asumiu diversas responsabilidades,como as áreas de Medio Ambiente e Limpeza entre 2015 e 2017, cando formou parte do cuatripartito que gobernou o municipio dende o 2015 ata a moción de censura do 2017. Foi tamén unha das persoas que colaboron na fundación do centro San Xerome Emiliani de A Guarda.
A súa morte, inesperada e irreparable, causou un gran pesar entre os seus compañeiros e amigos. Carmen Núñez, compañeira de grupo no BNG, non podía conter a súa emoción ao lembrar a súa amizade e a súa capacidade de traballo: «É o mellor compañeiro que se podía pedir. El xa tiña experiencia cando entrei eu na corporación e sempre estivo disposto a axudarme, moi implicado tamén coa vida de tódolos veciños», aseguraba Carmen visiblemente emocionada. A súa admiración por Tato non se limitaba á súa faceta política, tamén destacaba a súa humanidade: «Coñecía moi ben todos os lugares, parroquias e barrios de Tui e con tan boa memoria que contaba todas as historias que aprendía».
Para Tato, o deporte sempre foi unha gran paixón, e non só o practicaba, senón que tamén se dedicaba a promovelo. Foi unha figura clave no mundo do atletismo e do remo, e como presidente do Club de Atletismo de Tui, traballou incansablemente para organizar o maratón máis emblemático da provincia, que durante anos foi o único da súa clase en Galicia. «Era unha boa persoa e iso é o máis grande que se pode dicir de calquera», sinalaba Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, destacando a súa gran xenerosidade e empatía. Para o rexedor, Tato foi «unha boa persoa, que penso é o mellor que se pode pedir e decir dalguén», ademais dun «concelleiro comprometido cos veciños», un home fiel aos seus principios e sempre disposto a traballar en prol do ben común.
A súa morte chega nun momento en que, a pesar das dificultades de saúde que atravesou recentemente, Tato seguía plenamente involucrado na súa cidade e na súa xente. A pesar de sufrir un ictus hai poucos meses, recuperouse e continuaba realizando a súa labor política e social con entrega, como o demostra o feito de que esta mesma mañá estivo no Concello.
Pero, máis alá das súas facetas políticas e deportivas, Xosé Martínez Tato será recordado por ser, sobre todo, un home de pobo, de cercanía, de escoita e axuda aos que máis o necesitaban. A súa inesperada partida deixa un dolor profundo, pero tamén un legado de dedicación, loita e amizade que, sen dúbida, perdurará no recordo de todos os que lle coñeceron. Un home bo, un gran compañeiro, un veciño exemplar, o mellor pai e avó.