
Sete traballadoras do sector do automóbil de Vigo participan na obra de teatro «Garage», de Voadora
11 oct 2018 . Actualizado a las 09:27 h.A compañía galega Voadora representa ata o 14 de outubro no Centro Dramático Nacional, no Teatro Valle-Inclán de Madrid, a obra Garage. Trátase dunha investigación poética sobre o cambio de rol da muller no marco socioeconómico europeo. A montaxe, dirixida por Marta Pazos, conta coa presenza no escenario e as vivencias reais de sete mulleres traballadoras de PSA-Vigo e outras empresas do sector automobilístico, acompañadas en escena por oito membros da compañía. Son Ana Casal, Susana Falque, Chelo Campos, Mar Fiuza, Bibiana Lias, Aida Portela e Belén Yáñez. As dúas primeiras falaron onte no programa Voces de tu ciudad, de Radio Voz.
Pregunta. Como foi a estrea?
Ana Casal. Mellor do esperado. Saíu todo moi ben e houbo moi boa acollida e, sobre todo, a sala estaba chea.
P. Son conscientes de que á xente lle atraerá moito saber que o voso relato é real?
Susana Falque. Si, á xente, unha das cousas que máis lle sorprende e máis agradece, é que sexamos traballadoras que contamos unha historia real. Ademais de todo o adorno da ficción, a música ou as luces está o noso relato e a nosa presenza; sen seren actrices profesionais, o público gozou con nós e nós con eles. Todo iso é impagable.
P. Como xurdiu esta experiencia?
A. C. Eu son afeccionada ao teatro como consumidora e tamén estou nun pequeno grupo. A posibilidade chegounos a través dunha convocatoria para mulleres da automoción. Nun principio, o plan de ensaios era todo feito dende Santiago e non nos podiamos coordinar moi ben polos nosos horarios, pero ao final chegamos a un acordo e puidemos ter permisos da empresa, que nos facilitou a participación. A través de improvisacións e charlas co equipo de Voadora fomos sacando experiencias significativas dos meus 18 anos no sector e cada unha fomos facendo unha historia, no meu caso con Susana, que somos compañeiras en ZFDalphimetal. Fomos montando historias a base de cuestións fundamentais, como a seguridade, a autonomía dos coches etc. A obra reflicte diferentes aspectos da área produtiva, de calidade etc.
P. Que parte é autobiográfica?
S.F. No noso caso, temos unha escena moi bonita, na que falamos da seguridade dos coches autónomos, da nosa percepción da seguridade na automoción, pero tamén falamos da vida en xeral.
P. Falades tamén das vosas experiencias na planta nun mundo de homes?
S. F. Eu entrei hai 21 anos na área de forrado de volantes e o grupo que entramos daquela só estaba composto por mulleres. Eramos unha porcentaxe moi baixa na empresa, e hoxe aínda seguemos sendo unha minoría, ao redor do 30 por cento. Nos principios, os casos de acoso e incomodidade, ou de que te fan sentir ignorada, eran máis abundantes que hoxe en día.
A. C. Eu entrei na área de finanza e na parte de enxeñaría a penas había enxeñeiras. Iso si que ten cambiado porque agora hai máis.
P. Credes que quedan barreiras por superar neste sector?
S. F. Queda moito por facer, aínda que se están facendo cousas, como na presenza feminina. Pero, por exemplo, na nosa empresa non hai mulleres nos postos de mando, pode haber unha ou dúas pero non é representativa. Nos postos de responsabilidade aínda temos moito que reivindicar.
P. Cando teñen previsto rematar a xira de Garage?
A. C. De momento temos só as actuacións en Madrid e o martes reincorporámonos todas á automoción. É unha montaxe moi grande porque ten un equipo de moita xente. É case coma a automoción, ten unha dinámica moi parecida; na automoción, a premisa é o tempo. Non é unha montaxe doada de facer. Voadora non nos transmitiu a súa intención de trasladado a outras cidades.
P. Como puideron compaxinar esta xira co traballo?
A. C. Fomos deixando días e a empresa tamén nos deu facilidades. Non tivemos ningún tipo de atranco, todo o contrario, puxeron todos os medios e apoiáronnos nesta experiencia.
P. A interpretación engancha?
S. F. Primeiro temos que rematar de gozar deste momentazo que estamos vivindo.
A. C. Si, a verdade é que estamos gozando moitísimo, sobre todo, do que non se ve, toda a parte de preparación e a dinámica que hai detrás. Aquí en Madrid, no barrio de Lavapiés, estannos recibindo moi ben, a xente fainos moitas referencias a Vigo; estamos facendo cidade dende o corazón de Madrid.
«Nos principios, os casos de acoso e de incomodidade eran más abundantes que hoxe en día»