
A obra de Calros Solla «Herba de Vigo» é un tributo á cidade que brilla «nas horas prohibidas»
08 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Vigo tolérame que faga ben as rotondas; eu non lle teño en conta que estacione no carril da dereita», escribe o profesor e poeta Calros Solla. Estes versos que debuxan a cidade na que vive dende 2017 forman parte do seu último poemario Herba de Vigo (Edicións Morgante, 2025), un libro co que quere «renderlle tributo a unha cidade que me acolleu da mellor maneira». No libro hai poemas que lle serán coñecidos á persoa que sinta a cidade. En, por exemplo, Areal, Vivac Vigo, Cidade vertical ou Na etiqueta da botella de Mondariz un lector pode recoñecerse paseando por unha cidade que é de «recén chegados». Solla sabe que, coma el, que chegou a Vigo logo de vivir en Cerdedo e Pontevedra, as persoas que se mudan a cidade descubren un ritmo único. «Aquí teñen un alfabeto propio», dice. É o dun adulto mozo que «creceu sendo un adolescente que nos anos 60 e 70 deu un estirón de súpeto. Aquel ao que xa non lle valían os pantalóns e loitaba para atopar o seu propio lugar», explica lembrando aquel Vigo de protestas e mobilizacións sociais.
Hoxe, a cidade na que vive é unha que se «fixo a si mesma, que está construída con moitas sensibilidades, sentimentos e un aluvión de multiculturalismo que a fan moi rica», explica o escritor. Solla insiste no seu libro que a cidade non é súa a súa paisaxe, o máis único é a xente «que a confirmo e fan a cidade». Esta reflexión está no poemario. «Véxote e mírome, espello absorto, pró en Vigo do mundo», escribe no poema Con b d Vigo.
Un dos feitos que máis sorprendeu a Solla da cidade son os seus horarios e o que só se pode descubrir en horas prohibidas. «Vigo marcha durmir coas galiñas e volve canda o galo», dice. Cando se mudou descubriu a maxia de pasear a cidade cando queda sen xente polas noites. «Tes toda a cidade aí para ti. Podes ser o único actor na película nun escenario amplo e cheo de historias. Esa sensación sorpréndeume moito», conta.
Tamén, ao contrario do que viviu no seu Cerdedo, descubriu que en Vigo ninguén está pendente de ti e podes pasar desapercibido. «Eu creo que é ese padrastro que non che fai moito caso ou, comparando coa educación, ese profesor de bacharelato que non se preocupa tanto de se vés ou non á clase», di, entre risas.
O título do seu poemario tampouco é casual. Une Vigo con Cerdedo a través dunha herba que recibe o nome da cidade. A herba de Vigo é unha planta forraxeira que se cultiva en moitos países e que se usa coma alimento para o gando vacún. Era o que comían moitos animais daquel Cerdedo no que creceu Solla. «A herba que nutría o meu fogar tamén é, dalgunha maneira, a que nutriu agora o meu libro», conta.
O libro de Solla está avalado por autores que son vigueses e respiran a cidade como o director do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, o poeta Antonio García Teijeiro, e o escritor Manuel Bragado Rodríguez. «Sorpréndeume a súa reacción. Non agardaba que lles gustase tanto», lembra. De feito, cando lle ensinou o poemario a Xosé Henrique Costas díxolle que se non lle gustaba xa o podía arquivar, pero, «sorprendentemente, gústoulle tanto que me dixo de facer o prólogo». Este é un valor engadido máis para o seu libro. «Non hai mellor persoa para introducir Herba de Vigo. Quique Costas é un bo exemplo de vigués que quere a súa cidade e que loita por ela», conta.
Agora, co libro xa dispoñible nas librarías, Solla xa pode dicir que é un vigués máis que mira ao mundo dende a cidade que o acolleu cun ritmo e anécdotas que xa son poemas.