Os lectores comparten con nós os veráns da súa infancia: «Recordo os berros do grupo no alto das pedras sen saber como ían facer para sacarnos de alí»

Carlota G. L.

XA CHOVEU

Rita Lamparte

Falamos con usuarios que mandaron fotos dos seus veráns para que nos acheguen como son esas lembranzas tan especiais

09 jul 2024 . Actualizado a las 20:11 h.

Nos días máis soleados do verán, cando estás tombado na praia a rebentar de rapaces berrando e brincando… Algo che leva de inmediato a eses recordos infantís. Volves a compartir cun descoñecido e durante un par de horas, a ilusión de facer o castelo de area máis grande da ría; coñeces unha cuadrilla coa que xogar durante tres meses e da que ao final te despides ata a tempada seguinte; creas amizades de por vida mentres saltas as ondas ou colles caramuxos… Se ben é certo, que non hai un único xeito de desfrutar das vacacións, moitos dos galegos compartimos elementos comúns aos nosos veráns que nos transportan a esa época tan máxica e feliz.

Comida na praia do castillo onde non faltaban as sardiñadas
Comida na praia do castillo onde non faltaban as sardiñadas Beatriz Trillo

Un dos escenarios máis típicos dos veráns en Galicia son as praias, onde se concentra gran parte da vida nestes meses de calor. Dá igual onde viviras que, aínda que non tiveras todos os posibles, as familias facían todo o que podían por desfrutar de tardes de praia en compañía de familiares e amigos».

[Envía aquí as túas fotos antigas para formar parte da memoria colectiva de Galicia]

Este é o caso que conta Teresa Fernández Varela: «Mentres vivía en Vigo, visitábannos sempre os nosos coñecidos. No 1968, estas visitas sempre consistían en levar aos invitados a pasar o día na praia. Cando me mudei xunto cos seus pais a Chantada, cambiaron os papeis e eramos nós os que iamos buscando un respiro da calor sofocante do interior. Acercábamonos a Vigo a saudar os vellos coñecidos e bañarnos nas rías. As reunións de carácter máis familiar, pola contra, si que as faciamos en Chantada». Recorda ademais xuntarse nas romarías, no magosto… Pero eran máis «outro tipo de celebracións». A praia era o eixe do verán. 

Praia Patos
Praia Patos Teresa Fernández Varela

 A tradición mariñeira dos pobos de costa marcou moitas infancias, como a de Rita Lamparte. Ela comparte con nós os seus recordos de nena: «Nos viviamos no centro de Burela e nas vacacións iamos ás casas baratas, a visitar a miña avoa que vivía alí». Eran construcións feitas con esa premisa, ser asequibles. E alí, nada máis liberarse do curso escolar, reuníase toda a familia. «Esas casas baixas, todas seguidiñas eran destino de moitas visitas de familiares e amizades de Madrid».

Lembra como chegaban a xuntarse ata trinta nenos á vez pola vila. Xogaban libres, mercaban xeados no ultramarinos, facían churrasco cando o tempo non acompañaba «porque en Burela, moitas veces o sol brilla pola súa ausencia», comenta entre risos.

O verán daba para moito. Tamén, ás veces, era a tempada na que os nenos tiñan ocasión de meterse en liortas. Agora lémbrao divertida, pero unha vez -recoñece- «pasou medo na praia»: «Aínda que ben coñecida de toda a vida, quedamos atrapados nun recuncho de area que quedaba illado se subía a marea. Nese momento soamente se podía saír a nado ou polas pedras. Os catro náufragos que se atopaban alí eran ben pequenos! Soamente recordo os berros do grupo de cativos no alto das pedras sen saber ninguén como ían facer para sacarnos de alí. Non sei como é que tardamos tanto en avisar aos pais». Nótase o agarimo na súa voz cando fala de Burela e dos veráns alí. 

Que tiñan as vacacións de cando eras pequeno? E cando fuches crecendo que cambiou? Cal foi a túa mellor aventura? Fixeches amigos de praia? E no río? Segues en contacto con eles? Mándanos as túas fotos!

É tempo de boas historias, compartir en familia, amigos e desfrutar da natureza. 

Non queremos perdernos nada, cóntanos como facías ti. 

https://xachoveu.lavozdegalicia.es/