O fenómeno Totakeki, a galega que arrasa en TikTok: «Todo comezou cun vídeo por San Xoán, leva máis de tres millóns de visitas»

YES

CARMELA QUEIJEIRO

Chámase Mercedes Silva, ten 22 anos e é mariscadora. Hoxe é unha das galegas con máis seguidores nesta rede social, na que acumula millóns de reproducións falando sobre Galicia

28 dic 2022 . Actualizado a las 12:09 h.

Se non a coñecen, tomen nota. Merce Silva, ou mellor dito, Totakeki, estase a converter nunha das galegas máis famosas. Non é actriz nin presentadora de televisión, nin falta que lle fai. Os seus vídeos en TikTok suman millóns de visitas. Camiño dos 245.000 seguidores, é unha das creadoras de contidos de Galicia con máis fans nesta rede social, a máis seguida entre a xente nova. O seu segredo? Sen dúbida, a súa naturalidade e frescura. Dúas características coas que consegue o que podería semellar impensable: que falar sobre tradicións galegas enganche a milleiros de usuarios de toda España e tamén de América.

«Comecei con TikTok na pandemia, por facer algo. Hoxe xa borrei moitos deses vídeos [sorrí]. Logo dun parón, non me motivaba facer vídeos, todo comezou hai medio ano. Un día, nunha quentada, dixen, vou facer un vídeo sobre as herbas de San Xoán que preparan na casa. Non tiña nin guión nin nada. Foi algo improvisado, vinte minutos antes de cear. Nunca pensei que tería tantas visitas», conta aínda con asombro e sempre con humildade Merce. Adiviñan cantas reproducións tivo esa publicación? Tres millóns.

Non é o seu único vídeo que supera os sete díxitos. Un no que vai recoller castañas co seu pai, «xa me dirás, unha persoa galega que vai ao castiñeiro a pillar castañas», ten case dous millóns de visitas. «Unha esaxeración», destaca.

Merce tamén fai parodias nas que non poden faltar temáticas tan habituais entre a xente nova coma Tinder, ela ten 22 anos, pero son os seus vídeos sobre Galicia os que arrasan. «Chéganme moitas mensaxes de xente de Arxentina e doutros países de Latinoamérica. Do outro lado do charco son sobre un 25 % dos seguidores. É moi bonito cando me din: ‘Falas como facía miña avoa'. Faime moita ilusión. Tamén que se lembren de xogos que xa tiñan esquecidos, como a estornela, que supoño que importaron de aquí. O que fago é moito buscar na memoria da xente. Son como un conector», di Merce.

De Noia, os seus seguidores doutras partes de España están encantados de escoitala coa súa xenuína gheada. «Non teño problema en falar en castelán, non teño haters nese sentido», comenta. Sobre o filón de Galicia, apunta: «Temos esa parte mística que atrae, pero, ademais diso, creo que a cultura galega é bastante interesante, ten moitísimo que contar. Cada día descobres unha cousa nova. Ten moito tirón».

Os hórreos, a lenda do sacaúntos e, como non, o seu traballo, o marisqueo, non poden faltar nas súas publicacións. A súa acollida non para de crecer. «Sempre fun unha rapaza de estar moito na casa con meus pais, de quedar aos contos. E tiven unha época na que miñas avoas vivían con nós. Moitas das cousas das que falo son por elas. Agora non están, pero quedáronme gravadas as súas historias a min e a meus pais. Veñen do boca a boca, como a tradición que temos de poñer unha xesta nos coches o primeiro de maio. Gústame gardar iso», conta Merce.

@totakeki

Feliz san xoan JAJAJAJAJA

♬ sonido original - totakeki

Conquistar aos novos 

Entre o seu público hai xente que supera os 40 e tamén adolescentes. Un dos públicos máis difíciles. «Considero que teño unha forma de falar... bastante á miña maneira. Explícoche como se foses un máis que está ao meu lado, sen tecnicismos. Hoxe a xente parece que está toda súper informada e é a máis lista da clase. Creo que por iso gustan os vídeos. Falei do samaín, sei que é un nome de orixe irlandesa, pero non sabía o significado nin me matei a buscalo. Se non sei algo, dígocho. Fago todo no momento, senón, perdería naturalidade», argumenta.

«Creo que é pola miña forma de ser», continúa a tiktoker. Como se pode gustar a tanta xente, sobre todo, aos máis novos cando falas de tradicións e cultura popular? «Ao facer graza, xa te quedas vendo o vídeo, e, como ves o vídeo, aí xa lles metes a mensaxe da tradición. Entón, xa van quedando coa copla».

O que comezou coma un pasatempo estase a converter nun xeito de gañarse a vida. Polo menos, de recibir unha axuda. Merce sube un vídeo cada dous ou tres días e agora tamén ten conta de Twitch por aclamación popular. «De Twitch si que se pode chegar a vivir, pero tes que ter moitos, moitos seguidores para poder facelo tranquila. Dos vídeos en TikTok tes algún ingreso, pero non vives deles nin de blas. Senón, non tería dous traballos», subliña.

Como di, Merce é mariscadora polas mañás co seu pai, co que vai no barco a coller ameixas e berberechos. Polas tardes, traballa de estanqueira. No pouco tempo que lle queda polo medio, fai os vídeos. «O traballo no mar non mo planteo deixar nunca. Gústame moito. ‘É raro, unha rapaza de 22 anos que se queira dedicar a isto', dirás. Eu estou contenta. É cansado e sempre corres un risco no barco, pero o máis duro é o machismo interiorizado neste sector. Dá para un tiktok!», sorrí Merce.

Merce traballa polas mañás como mariscadora en Noia e polas tardes é estanqueira. Nos seus ratos libres, busca un oco para facer os seus populares vídeos en TikTok e os directos en Twitch
Merce traballa polas mañás como mariscadora en Noia e polas tardes é estanqueira. Nos seus ratos libres, busca un oco para facer os seus populares vídeos en TikTok e os directos en Twitch CARMELA QUEIJEIRO

Fotos pola rúa 

Recoñece que xa a pararon máis dunha vez pola rúa para sacarse unha foto con ela. En Galicia, fichouna unha axencia de influencers, «supoño —desliza Merce— que agora me terei que considerar influencer», Serpes. «Os meus pais están moi contentos. Meu pai é o meu mánager case. Comparte en Facebook todo canto fago. Eles só usan TikTok para ver vídeos, non os fan, senón, xa me quitarían o posto!».

Non lle importaría facer un monólogo. Iso si, para o humor pon algún límite. «Os galegos parecemos a veces a sota de bastos. Eu, como persoa galega, creo que si podo facer un chiste de galegos. Rirme de min. Pero, creo que unha persoa de fóra que fai un chiste ferinte sobre os galegos, aí xa nos estamos pasando. Non me fan dano os tópicos, ríome, pero si que non me mola moito que alguén que non é galego faga unha broma ferinte sobre nós. Eu tampouco o faría sobre os andaluces, por exemplo», defende.

Sobre o tópico de que os novos son uns despreocupados, ela opina: «En temas de medio ambiente creo que esta xeración, pouco a pouco, estamos a cambiar as cousas». E, sobre os seus gustos, pensa que «a xente nova o que quere ver é xente nova facendo cousas diferentes. Non ir ao típico, xente bailando ou facendo trends en Tik Tok. Eu nunca vin o TikTok de alguén saíndo ao mar. E mira que hai xente indo ao mar en Galicia. Isto é o que fai que gañes puntos no TikTok». Merce gusta pola súa espontaneidade. «Creo que a miña esencia é esa», confesa. Tamén hai outro motivo de peso: ela é auténtica.