Sandra Fernández, pedagoga: «Os rapaces de 17 anos non deberían usar o móbil dende que cae o sol»
YES
A experta destaca a importancia de que o estudantado sexa realista e avoga por evitar distraccións que dificulten o descanso
10 oct 2024 . Actualizado a las 17:05 h.O alumnado que comeza segundo de bacharelato ten por diante nove meses de esforzo coa selectividade como meta. Vemos con Sandra Fernández, pedagoga da asociación Neen@s de Sanxenxo como poden afrontar o último ano de instituto.
—Ademais do académico, a que aspectos deben atender os estudantes de segundo de bacharelato?
—É crucial o autocoñecemento que teñen deles mesmos sobre que tipo de estudantes son. É unha etapa na que hai que atender ao desenvolvemento persoal para que non se perda o talento, e os alumnos teñen que ser realistas.
—Que papel xoga o descanso?
—Tamén é crucial, porque axuda a asentar coñecementos e fai que nos días posteriores os estudantes, que son persoas que aínda están rematando de desenvolverse, vaian estar máis predispostos á atención. Por iso, é imprescindible que pola semana non haxa distraccións no descanso por culpa do móbil. Ten que haber desconexión total das tecnoloxías, porque se non ao día seguinte a atención vai fallar e vai haber mal humor.
—A que hora deberían apagarse as pantallas durante a semana?
—Considero que ao longo do día debe haber un tramo no que poidan estar conectados cos seus amigos, aínda que sempre recomendo que mellor se vexan en persoa, pero pola noite paréceme crucial que non haxa contacto coas tecnoloxías. En canto á hora, o teléfono e a televisión deberían apagarse cando cae o sol, seguindo o ritmo que nos marca a natureza. Por que se pode substituír? Por algo máis sosegado como unha boa lectura ou unha boa conversa en familia, que se está perdendo.
—É preferible quedar estudando ata tarde e levar todo repasado ou ir durmir antes aínda que queden temas por mirar?
—Nin unha nin outra. Un bo estudante en segundo de bacharelato, que ten claro que quere dedicarse ao estudo cunha vida ordenada, non pode chegar a ter que escoller entre eses dous escenarios. Hai que borrar esas malas prácticas e non deixar nunca as cousas para última hora. Aínda así, sabemos que hai alumnado que confía moito nas súas capacidades de última hora. En caso de chegar a ese extremo, a decisión de cal desas opcións é preferible depende da personalidade de cada alumno.
—Como se manexa a frustración ás portas da selectividade?
—Cando un exame sae mal, hai que analizar as causas, que poden ir dende malas técnicas de estudo ata problemas oculares, e abordalas. Porque cando sabes que hai unha explicación e que a vas poder manexar, desaparece a frustración e chega o control.
—Os repasos de última hora, na porta da aula a cinco minutos do exame, son útiles?
—Ningún estudo demostra que sexa un método de estudo efectivo, pero eu diría que non sacan proveito do que estudan nese último momento. Creo que é unha conduta para tranquilizarse a un mesmo. É un simple amuleto para tratar de asegurarse de que non van fallar, un ritual. Se a esa persoa lle achega tranquilidade, estupendo, pero pode ser contraproducente e xerar dúbidas sobre conceptos que tiñan claros.
—Que consecuencias pode ter faltar a clase para quedar repasando?
—Iso non debe producirse e se sucede, dános a entender que é unha falta total de organización que leva ao estudante a tomar decisións sen sentido in extremis. O alumno debería preguntarase de que lle serve, porque vai perder a explicación doutras materias. E ese tipo de prácticas son algo que hoxe en día está máis xustificado e flexibilizado que antes, o que fai que os rapaces non maduren e non se responsabilicen das súas decisións.