Esther Estévez: «Para nós é vida o viño, porque moita xente vive diso en Monterrei»

Paula P. Ferreira / R.N.P OURENSE / LA VOZ

AL SOL

Esther Estévez dará o pregón da Feira do Viño de Monterrei deste ano
Esther Estévez dará o pregón da Feira do Viño de Monterrei deste ano cedida

A xornalista verinense será a encargada de inaugurar a Feira do Viño de Monterrei este ano

02 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis arranca a Feira do Viño de Monterrei con tres xornadas consecutivas onde se poderá gozar de bo viño e boa música. Dende o venres 11 ao domingo 13 na Alameda de Verín, poderase desgustar o produto denominación de orixe de Monterrei de 18 das 28 bodegas que forman parte desta etiqueta. A xornada inaugural que se celebrará o venres contará coa figura da xornalista verinense Esther Estévez (1997), que será a encargada de dar o pregón desta edición número dezaseis. «Estou moi agradecida á organización, porque non é o primeiro que dou pero si que é o primeiro que fago na miña terra. Faime moita ilusión porque Verín é a miña casa e estou moi ilusionada», conta a xornalista. Natural de Verín, Estévez estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e tras graduarse no 2019, comezou a subir vídeos á plataforma de TikTok co proxecto Dígocho eu pertencente á TVG. A través deles, a xornalista resolve as dúbidas máis comúns que se teñen ao escribir en galego.

Ao longo deses tres días, a vila do Támega disporá de diferentes postos nos que se poderán realizar degustacións das dezaoito bodegas pertencentes á denominación de orixe de Monterrei para todos aqueles interesados. Segundo explica Esther, natural de Verín, despois do entroido esta é unha das citas máis importantes da vila. «No verán é cando máis xente de fóra podemos estar, e para nós tamén é vida o viño, porque moita xente vive diso en Verín. E darlle vida á vila con algo propio e autóctono é un orgullo para nós», explica Esther. Xente de diferentes partes reúnese nestas xornadas festivas que cada verán enchen Verín de vida, nas que a xornalista verinense é unha das primeiras en acudir a esta importante cita dende que ten memoria. «Eu vivín en Verín ata que me fun estudar a Santiago, entón dende pequena todos os anos que estiven na miña casa efectivamente sempre ía», lembra a xornalista. Pero vivir fora nunca foi un impedimento para non acudir. «Dende que estou fora, como cae a fin de semana, sempre me cadrou moi ben, aínda que fora para pasarme un día pola feira», conta. Este é un dos motivos polo que estas datas son importantes, porque permiten a moita máis xente achegarse ata Verín e gozar dos festexos, que non son unicamente unha mostra de viños. Cada ano a vila organiza unha morea de actividades, gastronómicas, enolóxicas e musicais para todos os gustos. As veladas que contan con actuacións todas as noites son para Esther o prato forte de cada edición. «Está moi ben que combinen actuacións musicais co que é propiamente a feira, porque ao final é estender un pouco máis a festa e é algo moi acertado», reflexiona a pregoeira deste ano. Non só importan os espectáculos musicais, senón tamén a súa calidade. Este ano, The Rapants e Fillas de Cassandra serán o prato forte das noites do sábado e domingo respectivamente. «Estou encantadísima coa programación deste ano, son dous grupos que me encantan e creo que é por aí por onde hai que tirar», confesa.

Coa calor dos seus amigos e familiares, Esther está en proceso de escribir o seu pregón para esta edición da Feira do Viño de Monterrei. «Teño que recoñecer que aínda non o preparei porque non tiven tempo, pero vou redactar unha cousa que estea á altura das expectativas», confesa. Con moita ilusión aínda que tamén con moitos nervios, a xornalista asegura que nunca imaxinara poder ter a oportunidade de ser pregoeira nunhas festas na súa propia terra. «É moi bonito pero tamén teño a presión de que vai estar aí xente que coñezo de toda a vida, entón quero facelo ben», asegura. Sempre arrodeada dos seus seres queridos, a xornalista verinense afirma que, un ano máis, gozará das tres xornadas que compoñen a Feira do Viño de Monterrei con máis ilusión que nunca. «En canto acabe o pregón xa quedo para a festa», ri Esther.