BOSQUE DE SILVA | O |
08 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SE O ESTADO de ánimo dunha cidade se medise polo número de festas organizadas ao longo do ano, Mondoñedo non necesitaría acudir ao psicólogo nin a un taller de terapia por problemas de depresión. Xa se sabe que Mondoñedo perde poboación; pero os anos nos que sufriu o descenso demográfico que o puxo por debaixo dos 5.000 habitantes foron os mesmos nos que o mercado medieval se consolidou como unha das principais festas da Mariña, sen esquecer que As Quendas volveran celebrarse pouco antes e aínda seguen. Se non o hai aínda, algún día debería de facerse un estudo sobre esa abundancia de festas en Mondoñedo. ¿Somos especialmente alegres os mindonienses? ¿Por que se ve Mondoñedo como unha cidade triste se un dos seus principais trazos é a proliferación de festas? ¿Hai algunha razón misteriosa en todo isto? Mentres non se descobren as claves do asunto, podemos elixir un pouco de diversión, pois mañá ten lugar a primeira festa coa que o Concello quere celebrar os 850 anos da cidade e das San Lucas. Tamén se podería debater -e en Mondoñedo, quizais por desgraza, hai afección á reflexión ca á acción- se as festas de Mondoñedo poderían xerar un valor engadido e un movemento económico superior ao actual, pois falamos de feiras con oito séculos e medio de hitoria. Pero eses son asuntos para a semana que vén, agora convén pensarmos na festa. E está demostrado, aínda que non haxa estudos, que non fai falta ser mindoniense para pasalo ben en Mondoñedo, e espero, faltaría máis, que o día de mañá non sexa unha excepción.