Mondoñedo acolleu unha etapa da Volta ás Comarcas máis dura

L.P. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Ciclistas nacionais e estranxeiros, no terceiro Gran Premio Deputación

24 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Entre o 28 e o 31 de maio do 2010 disputouse a terceira edición da Volta ás Comarcas de Lugo de ciclismo, promovida pola Deputación e na que competiron preto de 150 corredores nacionais e estranxeiros duns 15 equipos. A proba arrancou na capital cunha primeira etapa Lugo-Lugo, continuou na Mariña cunha segunda carreira con saída e chegada en Mondoñedo, e rematou en Monforte. Foi, segundo os participantes, a Volta ás Comarcas-Gran Premio Deputación máis dura.

«Ca organización deste campionato queremos recoller para por en valor conxuntamente as potencialidades dos nosos ciclistas e do noso territorio, facendo que o transcurso da competición ciclista sirva tamén para facer conscientes a propios e alleos dos valores do noso territorio e paisaxe, e que isto repercuta socioeconómicamente na zona», salientaba Antonio Veiga, o responsable da área de Deportes da Deputación, na presentación da Volta, na que, entre outros, tamén estivo o alcalde mindoniense, Orlando González.

Na súa intervención, Antón Bao, vicepresidente da Deputación, auguroulle un futuro prometedor a este campionato logo do «gran éxito acadado nas súas primeiras edicións». Bao apuntou ademais que un dos obxectivos é o de «fomentar a practica do deporte, sexa cal sexa a súa disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses».

Na etapa disputada por terras mariñáns, que se resolveu ó sprint en Mondoñedo, o vencedor foi o ciclista chileno Carlos Oyarzun, do Súper Froiz, á postre campión por segundo ano consecutivo da Volta ás Comarcas de Lugo.