As queixas de Aturmar

Suso Fernández

A MARIÑA

10 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Días pasados, nestas mesmas páxinas, o presidente de Aturmar (Asociación de Turismo Rural da Mariña) laiábase de que á xuntanza convocada pola mesma, a fin de analizar a problemática do sector, que obviamente atinxe, en maior ou menor grado ó desenvolvemento e, polo tanto, á economía da comarca, acudiran poucos alcaldes. O feito que para o señor presidente puido ser unha solpresa decepcionante, a nós o que nos dí é que o dirixente do colectivo convocante, a quen non temos a honra de coñecer, é novo na tribo. E dicimos isto porque, de non ser así, tería que saber que esa é a actitude dos mandatarios municipais dende tempos afastados. Nalgunha ocasión temos contado cómo por novembro de 1968 (hai mais de 40 anos) o Concello do Vicedo, no nome dos alcaldes do litoral, interesaba a constitución dun órgano para o fomento do turismo, que o formarían: Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo. Aceptouse a creación da que sería Mancomunidade Turística de la Costa lucense, nomeando presidente o alcalde focego, Pepe Beltrán. Este cronista, entón corresponsal de prensa, asistía ás reunións que a mesma celebraba e lembra cómo, igoal que agora, era imposible lograr que os membros asistisen na súa totalidade, ou a maioría; cómo, salvada algunha excepción, carecían de ideas e, sobre todo, cómo afloraban a cotío as actitudes localistas e irracionais, en contra do talante obxectivo, tolerante e solidario indispensable para que iniciativas deste tipo, fructifiquen. E nesas estamos. Hai que decir que, a diferencia de hoxe, os concellos vivían unha auténtica penuria económica, con presupostos irrisorios, carentes de ingresos e sen auxilio de órganos supramunicipais que subvencionaran actuacións deste tipo... e que tampouco os gobernantes -alcaldes, concelleiros e demais- percibian as sustanciosas retribucións actuais. O slogan La costa de las mil playas, que daquela acuñaron, apenas chegou a coñecerse, igoal que ocorre na actualidade con Máxica por natureza que só sabemos del se pola estrada adiantamos un autocar de Morán de Mondoñedo...

É evidente que os políticos mariñaos pasan olímpicamente do turismo e o seu labor de promoción só ten un fin: servirse del para facerse de vez en cando con decraracións demagóxicas, que nunca compren, e saír nos xornais: ó mesmo que acuden a Fitur. O deles é a loita persoal e partidista á captura dos votos que permitan, a uns, permañecer na poltrona, e a outros chegar a ela. É posible que existan excepcións: nós non as coñecemos. Daí que tampouco sintan interese pola acción conxunta: cada quen, por lei, ten delimitado o seu territorio electoral; ¿para qué, pois, alianzas con ninguén? Que os alcaldes, en medio século non evolucionaran ren, e que as formas de pensar e de actuar sexan as mesmas, resulta decepcionante, porque estancamento de tal magnitude constitue todo un retroceso con respecto á evolución da sociedade que dende aqueles anos 50 vivíu transformacións tan trascendentais como pasar da dictadura á democracia ou asistir ó desenvolvimento económico, social, cultural e tecnolóxico que en maior ou menor medida afecta a tódolos cidadáns.

Pero os políticos néganse a subirse ó carro da modernidade e a abrir as súas mentes a unha forma nova de facer política, acorde coa mentalidade de apertura ós novos tempos, na que prevaleza o encontro entre as persoas, o diálogo, os plantexamentos honestos e intelixentes, o respecto mútuo e a solidaridade.

Nalgunha ocasión temos escrito que se impón o cambeo de chip nos dirixentes sociais e políticos; de non facelo así, marcharemos unha vez mais contra corrente. Señor presidente de Aturmar: ogallá nos equivoquemos, pero a experiencia acumulada dinos que debe vostede armarse de paciencia.