«En Galicia hai unha cociña fantástica e xente xoven que aposta por innovar»

a.f.c. O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

02 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai un conto popular, recollido por Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Pérez, nun libro de relatos sobre O Valadouro, no que se di que o val «foi mar ata que un día rompeu o contedor e quedou seco». Miguel Vila Pernas (La Habana, 1958) agárrase a esta lenda, sostén que «se había mar, algunha sardiña tivo que quedar no río Ouro» e escolle o cauce para a foto, cun feixe de peixes na man.

Seus pais, orixinarios de Alfoz e O Valadouro, emigraron a Cuba. «Cumprín tres anos ao día seguinte de desembarcar en A Coruña, de volta (fixo o mércores 50 anos). Crieime en Ferreira, ata que marchei a Madrid a estudiar Xornalismo», recorda. Empezou no colexio das monxas e logo pasou á escola pública, cun mestre para os nenos e unha mestra (eran matrimonio) para as nenas. O Bacharelato cursouno en Mondoñedo.

Das súas andainas pola cidade de Cunqueiro garda moi bos recordos: «Daquela, a Mallán, que era o director do instituto e profesor de Historia, non lle queriamos demasiado porque era moi estricto, pero co tempo collémoslle aprecio grande, como profesor era espectacular, ensinaba moi ben». Ata quinto ou sexto non se implantaron as clases mixtas «e incluso había horarios distintos para saír ao recreo para que non nos cruzaramos», lembra Vila.

En Madrid viveu unha época «moi interesante, pero durísima». O medo (con conflictos permanentes na rúa e na propia universidade, recén falecido Franco) esqueceuno; quedou a ilusión que xeraba o cambio. «Nos círculos nos que eu me movía, entre galegos, había un sentimento de compañeirismo moi profundo, fundamos a asociación cultural Lóstrego, vendiamos libros galegos no rastro, faciamos concertos... Conservo a amistade con moita daquela xente e cando volves a atopar a algún rexorde ese sentimento».

No segundo ano da carreira xa buscou un traballo, «para aprender o oficio». E botou 18 anos en Madrid, en medios especializados. «A transición vivina como cidadán, naquel ambiente político que o impregnaba todo, e despois a movida, que era máis divertida...», apunta. Despois retornou a Galicia. Pero a súa relación coa cociña e a gastronomía (que compaxina coa actividad laboral como xornalista, con oitro dos dez libros publicados sobre esta temática, blogs e colaboracións en diversos medios) xa viña de antes. «Recordo a primeira vez que me queimei nunha cociña, tiña 11 anos, co aceite dunha tixola. Despois foi xurdindo de maneira natural, como outra xente xoga ao fútbol». Dedícalle moito tempo e colabora no Fórum Gastronómico de Santiago e forma parte do consello asesor do Concello de Santiago neste campo.

O que máis lle interesa «é aprender arredor dos usos e costumes, as tradicións, os platos, e despois contalo». En Galicia, constata, «hai receitas fantásticas e hai que ir rompendo o mito de que a cociña galega é producto e tradición, hai cociñeiros xoves que innovan, os tres primeiros no recente concurso de Cocinero del Año son galegos». E defende que en 365 días hai oportunidades para comer de todo e disfrutar.

Miguel Vila Pernas

53 anos

«o río Ouro, na ponte romana de Alfoz, cunhas troitas, polo conto que di que O Valadouro era un mar, que acabou secando pero algunha sardiña quedou no río Ouro»

A este xornalista

a paixón pola gastronomía

xa lle vén de neno, en Ferreira