Lalín aterriza en Foz para invitar á Mariña a asistir á Feira do Cocido

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Casa Selmira acolleu a comida de presentación da feira, que será o día 12

08 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un estudo realizado polo Padroado de Turismo Rías Baixas revelou que A Mariña é unha das comarcas que máis visitantes aporta á Feira do Cocido de Lalín. O alcalde deste concello, José Crespo, non pasou por alto a ocasión e onte desprazouse a Casa Selmira, en Cangas (Foz) para presentar a 44 edición da feira, declarada de interese turístico nacional e que terá lugar este domingo 12. Ademais de en Foz, Lalín presentou a feira en Santiago e Madrid, e tamén o fará en Viana (Portugal).

Crespo abriu as portas á colaboración entre a comarca do Deza e a mariñana, poñendo como exemplo que na nómina de gañadores dos premios de xornalismo gastronómico figuran Miguel Vila ou Fausto Galdo, e na de comendadores, o xornalista Martín Fernández e a escritora Luisa Castro. Non pasou por alto os galardoados por dedicar toda a vida á cociña galega: a falecida Selmira Río (de Casa Selmira), O Almacén de Cervo, A Voltiña de Mondoñedo, O Poeta de Burela e Casa Foguete de Ribadeo, e ao primeiro pregoeiro da feira, Álvaro Cunqueiro. Dúas comparsas mariñanas, O mellor de cada casa, de Burela, e Aturuxo, de Ribadeo, foron seleccionadas para participar no desfile do domingo.

O rexedor focense, Javier Jorge Castiñeira, comprometeuse a estudar futuros proxectos de colaboración.