Doce das pezas de ourivería recuperadas pola Deputación proceden da comarca

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A institución pagará 2,3 millóns en cinco anos aos herdeiros de Álvaro Gil

26 jun 2014 . Actualizado a las 07:04 h.

O vicepresidente da Deputación e o responsable de Cultura da institución provincial, Antonio Veiga e Mario Outeiro, respectivamente, reuníronse onte con distintos colectivos mariñáns para informar con detalle da negociación que permitiu recuperar para o Museo Provincial a colección de ourivería tras chegar a un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil. Doce das pezas teñen grande valor patrimonial e proceden de concellos mariñanos. Ambos deputados informaron do acordo adoptado onte no pleno provincial que permite «recuperar importantes tesouros», ademais de devolverlle aos mariñáns pezas que son todo un símbolo para algúns Concellos, como é o caso do torques de Burela.

Chegouse a un acordo tras unha negociación «longa e intensa» coa familia Álvaro Gil, explicou Outeiro, quen defendeu a discreción da negociación e a total transparencia das xestións de cara á oposición «que estivo sempre informada dos pasos dados, tanto dos acordos como dos desacordos». Afirmou que froito desta negociación se logrou aforrar máis de catro millóns, xa que a familia inicialmente reclamaba 5 millóns máis 2,7 millóns por danos e perxuizos, e finalmente, o prezo de compra por parte da Deputación será de 2,3 millóns. Fará o pago en cinco prazos, a razón de 99.608 euros neste ano, 656.648 no 2015, 633.284 no 2016, 606.364 no 2017 e 350.296 no 2018. A Deputación disporá da colección nun plazo máximo de 7 días desde a sinatura do contrato definitivo.

Por outra parte, desde o PSOE burelense manifestaron a súa satisfacción tras saber que o torques de Burela voltará ao Museo Provincial de Lugo. Manifestaron a súa gratitude coa Deputación «por conseguir pechar un proceso longo iniciado na época de Cacharro Pardo».