Forza e avante toda!

Antonio Veiga

A MARIÑA

05 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa mais de dúas décadas, as afeccionadas e afeccionados ao deporte tiñamos unhas citas ineludibles na Mariña nos meses de xuño e xullo: os maratóns de fútbol sala que se celebraban en todas as vilas. Deporte, sá rivalidade, diversión, camaradería, paixón, festa? eran os alicientes daqueles inesquecibles eventos do verán mariñao. Os equipos que participaban neles tiñan que facer verdadeiros equilibrios para financiárense, pero, ao final, sempre acababan conseguindo o patrocinio de diferentes empresas da comarca.

Non é cuestión de facer agora un exercicio de nostalxia, pero si de recordar o comezo do fútbol sala na Mariña e ver a súa evolución. Polo tanto, o dito aquel de ?calquera tempo pasado foi mellor? non é de todo certo no caso que nos ocupa, pois, hoxe, o noso fútbol sala compite ao máximo nivel estatal e, ademais, gañando os máximos títulos, tal e como fixeron as mulleres do Burela FSF ? Pescados Rubén recentemente.

Toda aquela paixón deportiva e festeira de décadas atrás concéntrase, agora, no pavillón burelao de Vista Alegre as fins de semana, cos dous emblemas deste apaixonante proxecto laranxa e mariñao: o Burela FS-Pescados Rubén, feminino e masculino, sen esquecer, por suposto, a todas as nenas e nenos que desde a base lle dan consistencia. E, como non podía ser doutro xeito, coa importantísima colaboración das empresas da comarca e do país que pensan en clave de país e que acreditan na forza dun proxecto cando este se fai cos pés na terra e entre todas e todos nós. Toda a potencia desta comarca reflíctese, tamén, neste proxecto porque é unha comarca traballadora e competitiva e á que lle queda, aínda, moito que dicir e moito camiño por percorrer a pesar dos moitos atrancos que leva sufrido e sufre.

Desde a Área de Deporte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, agradecemos o esforzo deste club que xa é un dos principais referentes a nivel deportivo e social na comarca e en Galiza. Forza e avante toda!! co Burela FS-Pescados Rubén.

Antonio Veiga é vicepresidente da Deputación de Lugo