«Manuel María e eu íamos a Foz... e aquilo era unha marabilla»

J.A., F.J. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Mantén estreita amizade con xente da vila, en especial con Suso do Bahía e a familia

18 mar 2016 . Actualizado a las 14:28 h.

Saleta Goi, viúva de Manuel María, estará hoxe presente na homenaxe que se brindará ao poeta en Foz, coa organización da Asociación A Pomba do Arco. Onte, en RadioVoz A Mariña, falou de ese e outros asuntos, deixando claro que a súa non é a voz de Manuel María, a quen hai que buscalo na súa obra: «Pregúntanme... ¿que pensaría Manuel María de tal ou cal cousa? E eu sempre digo que eu non falo no nome de Manuel, porque el ten a súa obra e hai que lela, porque nela está o que el di. Pregúntanme: ¿que diría Manuel María da situación do galego hoxe en día? E dígolles: lede a súa obra e aí está o que di».

-¿Que sinte a viúva de Manuel María no ano no que a Real Academia Galega o recoñece co Día das Letras Galegas?

-Pois un gran agradecemento a todos, porque a verdade é que me sorprende. Agradecín á academia, por suposto, pero o que me sorprende máis é a resposta das asociacións culturais, da xente en xeral, con todos os actos que se están facendo... cando se soubo que lle dedicaban o Día das Letras Galegas a xente me paraba na rúa e iso a min emocionábame, non cabe dúbida.

-Hoxe lle chega unha desas homenaxes, en Foz. Foz non é unha vila allea a Manuel María, con quen tiña moita relación e así o amosou na súa obra Versos Florecidos en louvanza de Foz.

-Foz era un sitio moi agradable para el. Estivemos moito tempo indo a Foz; primeiro aí situouse Fernández Mato, cando veu do exilio, e empezamos a ir a Foz. Lembro de cando víamos a un rapaz, que entraba, saía, miraba para nós, nós mirabamos para el, e había unha simpatía mutua. O tal rapaz era Suso do Bahía. Despois pasamos a estar invitados un tempo na súa casa e na de Marita. Tiñamos moitos amigos e aquilo era unha marabilla. Este libro, Versos florecidos en louvanza da Foz está dedicado a Marita, a Suso e a toda a súa familia, a María do Ceo, a César, a Saleta, e a Cristal. Despois viñeron os rapaces de Galiza Nova, que se movían moito; Moncho Ermida, Marcelino, Basanta... sempre tivemos moita relación e seguímola tendo. Alí lle deron a Manuel o carné de Galiza Nova, que para el foi algo moi bonito.

-Sendo como era Manuel María un chairego de pro e do que significaba a Terra Chá; Foz para a Terra Chá era o mar.

-Pois si, os de Lugo van bastante a Foz e á Coruña, pero Foz está moito máis cerca da Terra Chá. A relación entre Foz e Vilalba, por exemplo, pola parada dos buses para ir á praia, é moi estreita.

-E agora volve a Foz.

-Hai moito que non vou e certamente teño moitas gañas de ver a todos, a Suso e a Marita, á familia...

-Unha relación, ademais, de libreiro a libreiro, porque Manuel María foi libreiro moitos anos en Monforte.

-(Rise)... Si. Na librería Xistral escribiu toda a obra, pero a librería quen a levaba era Saleta (volve rirse).

-¿E que pensa destes tempos?

-Penso que a situación actual é a de sempre, pero cos tempos que mudaron. Vexo outras tácticas políticas, outra forma de funcionar, pero non tanta diferenza. ¿Tempos revoltos? Se a xente lle chama revolverse a dous puntais que se afrouxan..., porque eu non vexo máis revolta ca antes. Vexo menos. Coa situación que hai hoxe na rúa, fai anos habería todos os días manifestacións.

A homenaxe de hoxe en Foz. Comezará ás 20.30 horas na Casa de Cultura Poeta Manuel María, organizado por A Pomba do Arco. Será presentado por Xoán Ramón Fernández Pacios e contará coa participación de Suso Fernández, Alberte Ansede e Saleta Goi. O músico Arcadio Mon con Felipe Sánchez e Pepe Ríos presentará temas sobre poemas de Manuel María. E o Clube de Lectura Infantil A Pombiña dramatizará a peza «O Auto de Raboces».