A Xunta inviste 800.000 euros en cursos de formación para desempregados na Mariña

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Raquel Arias visitou xunto ao alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, ao alumnado do curso de socorrismo

21 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou onte xunto ao alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, ao alumnado do curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais que financia a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta é unha das 19 accións formativas de diversas especialidades que sufraga a Administración Autonómica na Mariña, dirixidas, prioritariamente, a persoas desempregadas (cursos AFD).

No curso, promovido polo Concello de Xove e que se está a celebrar no consistorio e na piscina municipal, participan 12 persoas; 10 homes e dúas mulleres. Ademais deste, a Xunta aprobou dous cursos máis de socorrismo na provincia de Lugo, que está a impartir a Cruz Vermella na capital da provincia.

A importancia da formación

Durante a visita, Arias dirixiuse ao alumnado salientando «a vital importancia deste tipo de accións formativas que permiten acadar a cualificación necesaria para o exercicio profesional», neste caso, engadiu Arias, «logo de superar as 438 horas de formación, o alumno recibirá un certificado de profesionalidade, que o capacita para realizar labores de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais».

85 socorristas

A delegada recordou que nesta campaña de verán a Xunta financiou a contratación de 85 socorristas na comarca da Mariña, o que supón un investimento de máis de 335.000 euros, nese eido sinalou que «o alumnado que hoxe recibe formación estará perfectamente cualificado para velar pola seguridade dos bañistas, grazas a un curso de formación que se axusta ás necesidades do mercado e que constitúe unha vía de acceso ao emprego».

Atención a dependentes

En total, a Xunta destina 784.614 euros para a posta en marcha dunha vintena de accións formativas na comarca da Mariña. O máis demandado é o de atención sociosanitaria a persoas dependentes, do que se impartirán 7 cursos, un deles estase a desenvolver en Xove.

A programación de cursos AFD foi aprobada en base ás solicitudes dos promotores, que poden ser tanto administracións públicas como entidades sen ánimo de lucro e empresas. Na provincia lucense, concorreron ás axudas para organizar estes cursos 10 concellos, 24 empresas e 9 entidades. A Xunta inviste na provincia máis de 4,6 millóns no desenvolvemento destas accións formativas.