«Intentarei estar á altura do que se espera dun delegado da Xunta»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

p. l.

"Agora mesmo de retos non quixera falar", confesa o político popular

18 nov 2016 . Actualizado a las 14:10 h.

José Manuel Balseiro deixará o Parlamento galego para exercer como delegado territorial da Xunta. Sucede a Raquel Arias, unha das primeiras persoas en felicitalo a través de Twitter. O nomeamento trascendía onte tralo Consello da Xunta e o teléfono do político popular non deixaba de soar.

-Estará recibindo moitos parabéns. ¿Como afronta este novo cargo?

-É unha decisión que lle compete directamente ao presidente e agradezo este nomeamento e esta nova responsabilidade con moita ilusión e agradecemento, agradecemento ao presidente da Xunta pola confianza que deposita en min, ao conxunto do Goberno galego, ao partido en Galicia e ao partido na provincia de Lugo.

-¿Cando se enterou de que sería o delegado da Xunta?

-Entereime hai uns días.

-Ábrese para vostede unha etapa nova na política...

-É certo. Eu tiña a etapa municipal na que empecei e estiven varios anos. E logo tiven ata agora a etapa parlamentaria. Neste novo cargo intentarei estar á altura do que se espera dun delegado da Xunta, ao servizo dos lucenses, ao servizo dos alcaldes e ao servicio da sociedade que aspira a seguir avanzando e mellorando.

-¿Cales son os seus primeiros retos?

-Primeiro terei que chegar e ver como está todo. Agora mesmo de retos non quixera falar ata que polo menos chegue e fale cos xefes territoriais, coa xente da delegación... A min gústame traballar en equipo e creo que o éxito, se o hai, é cuestión de moita xente, e o fracaso, tamén se o hai, en principio será culpa miña. Pero o éxito, se chegamos a telo e espero que asi sexa, eu vou contar con moita xente. Sempre me deu bo resultado traballar en equipo.

-¿Como valora o inicio inmediato da ampliación do Hospital da Costa?

-Pola información que teño, as obras dos hospital vanse iniciar nos próximos días. É un proxecto importante, polo que eu e polo que o PP da Mariña loitou moito. Temos que recoñecer que o presidente da Xunta deu unha palabra e cumpreuna. Creo que é un investimento que vai superar os 20 millóns de euros e que permitirá facer un hospital acorde cos tempos. Non só imos ampliar o hospital senón que imos remodelar o 70 ou 80 % do hospital que existe nestes momentos.

-O presidente da Deputación é mariñano, agora o delegado territorial da Xunta tamén. ¿Terá A Mariña un peso importante para as institucións?

-A Mariña ten un peso importante dentro da provincia. Aquí non deixamos de ter dous dos portos máis importantes a nivel nacional, temos a empresa máis grande da nosa provincia e temos un sector do turismo con dinamismo e vida propia, ademais dunha poboación importante. É a comarca despois da cidade de Lugo con máis poboación e ese peso ao mellor tamén se ve reflectido á hora de tomar algunhas decisións ou incluso nalgunhas institucións. Pero o delegado da Xunta na provincia ten que mirar pola Mariña, como se fixo nestes anos, pero ten o cometido de mirar por toda a provincia.

«Tamén teño que renunciar á acta de concelleiro en Cervo»

Balseiro estreouse na política municipal no 1999. Desde ese ano ata o 2005 tivo dedicación exclusiva no Concello cervense. No 2005 accedeu ao Parlamento, sendo deputado ata hoxe.

-E ¿como quedará agora a representación do PP mariñano no Parlamento?

--O martes tomará posesión Daniel Vega, e será o deputado da Mariña. O cargo de delegado territorial non é compatible co Parlamento. E ademais, tamén teño que renunciar á acta de concelleiro en Cervo.

-¿Vai botar de menos a política municipal?

-Son o primeiro tenente alcalde do Concello de Cervo de forma ininterrumpida desde o ano 1999, ademais de voceiro do goberno. Por suposto que botarei de menos a política municipal, igual que botarei de menos o Parlamento. Esta era a miña cuarta lexislatura no Parlamento. Era dos máis antigos xunto con varios compañeiros.

-Pero deixará o posto de coordinador comarcal do PP?

-En principio non tería por que.

-¿Como vai ser a súa relación cos alcaldes?

-Eu coñezo ben esta provincia e aos seus alcaldes e eu creo que debemos traballar nesa dirección, traballar dunha forma coordinada e institucional. Traballando asi sairán ben as cousas.