
Este sábado celebrarase na cidade do Landro unha concentración de Volkswagen, Audi e Seat León
22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado 25 • Pavillón Municipal e San Roque • Reservas: teléfono 605 811 640 • Manu Fustes (Ortigueira, 1972) organiza por primeira vez en Viveiro a Gran Kdada Club Vag Galicia e Club Seat León Galicia que este sábado 25 reunirá na cidade do Landro a donos de coches das marcas Volkswagen, Audi e Seat León aos que ademais lles gusta mimar os seus vehículos, unidos por unha «estética moi guapa e algúns con coches dende hai 17 anos que están coma o primeiro día. Todos están ben coidadiños», di Fustes.
-A vostede, dende cando lle gustan os coches?
-Dende moi pequeniño, dende os sete anos, gústanme as catro rodas. Alí onde había un coche eu sempre ía velo.
-Algún Scalextric lle caería por Nadal sendo neno.
-Pois non! Tiña tres irmáns máis e había que repartir. Pero si, quedoume pena, un gusanillo, porque nunca mo regalaron... pero como o tiña o veciño, íamos á casa del xogar co seu Scalextric.
-Con cantos participantes agardan contar este vindeiro sábado en Viveiro?
-Con 50 ou máis. Ao mellor chegamos a algo máis. Veñen de distintas partes de Galicia. Acabo mesmo de falar cun de Ourense que quería vir. Outros virán de Pontevedra, Vigo, Santiago, A Coruña...
-A ver que opinión dan das carreteiras mariñáns.
-Son quilómetros pero á xente como lle gusta conducir...
-Pillouno o radar de Tráfico algunha vez?
-Pilloume algunha vez pero foi pouca cousa. Por outro lado, as notificacións destas quedadas pásallas a Policía Local a Tráfico. Este sábado imos saír escoltados ata San Roque, onde estará tamén Protección Civil.
-Entre afeccionados, hai envexa, supoño que sá, polo coche do compañeiro?
-Si, hai envexa sá. Máis ben axudámonos uns a outros.
-Tunear o coche, si ou non?
-Nós practicamente non. Levamos potencia en motor, llantas grandes, só a a cuestión estética... Non é un tuneado, por exemplo, de animaladas de aleróns. Demasiado modificado, o coche non queda guapo. Nós respectamos, pero somos anti-tuneo.
-Lembra como está o combustible agora mesmo?
-A 1,09 ou 1,10 euros... se miras moito ao botalo, asústaste!
-Algún accidente co Seat?
-Nada! De momento, o coche portouse ben. Compreino novo no 2003. É un Seat León Mk1, en perla, dunha serie limitada. Non hai moitos coma o meu. Un en Xove, creo.
-Viaxa moito con el?
-Cando podo si. O ano pasado fun a Alacante.
A Kdada Club Vag Galicia comezará ás 10.30 diante do pavillón. Ás 14.30 horas haberá exposición, comida, sorteos e música con DJ David Villa en San Roque. Colaboran Concello, Comunidad de Montes San Roque, Beiras de Viveiro e empresas locais.