«O zoco é un calzado comodísimo»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

fotos: pepa losada

Hoxe le o pregón do XI Mercado de Primavera que fai brilar a Ferreira do Valadouro

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O xornalista e escritor Miguel Vila Pernas é hoxe o encargado de abrir as portas ao mundo enteiro do XI Mercado de Primavera que celebra esta fin de semana (hoxe e mañá) Ferreira do Valadouro. Unha cita digna de pisar e gozar, con moito encanto e sabor tradicional a mans cheas.

-É este o seu primeiro pregón?

-Hai anos xa lin o pregón das Festas do Oito de Ferreira.

-Logo, terá que darlle un repaso ao manual do pregón ideal...

-Non hai problema. Teño varias cousas na cabeza pero non está rematado. O que hai que facer nestes casos é dar un repaso á memoria, lembrar como era o mercado de Ferreira do 25 de marzo noutros tempos e celebrar como é agora porque tivo, por pura lóxica, un momento no que estivo a piques de desaparecer pero afortunadamente en Ferreira atoparon a maneira de recuperalo e convertelo nunha das grandes festas do ano.

-As do Oito teranlle «envexa».

-Un pouco de respecto, certo. Ademais, a participación no Mercado de Primavera, que xa coñecen por Festa das Zocas, é universal. Atopas tanto rapaces novos de 20 anos como persoal que anda cerca dos 80 ou por aí e todos moi implicados. O que pretende é recordar outros tempos nos que O Valadouro e o mundo eran doutra maneira.

-Era un mundo sen Trump.

-Bueno, daquela había outros que se lle parecían...

-Realmente non é coma as típicas festas chamadas históricas. Esta afonda en raíces tradicionais.

-O problema das festas medievais, castrexas, etc... que se reproducen por aí é que un porcentaxe alto delas están montadas por profesionais que a veces veñen de Murcia e acabas vendo a mesma feira nunha vila e na do lado, mesma xente, mesmas actividades... pero no Valadouro temos este Mercado da Primavera, a festa das zocas, onde a organización vén da xente que participa, pon as zocas e pon a boina e é a xente da vila. O mesmo pasa no verán coa Medieval de Alfoz, onde é a xente do propio pobo quen a monta e a dinamiza e a fai auténtica, propia, nosa. Nesas dúas festas non vas de espectador, vas de protagonista mentres que noutras de por aí adiante vas mirar o que hai, e o que hai a min non me gusta. Son parques temáticos, é dicir, é Portaventura trasladado á esquina da nosa casa. O que vai pasar este sábado en Ferreira ou pasa cada verán no Castrodouro é unha festa de verdade, popular...

-Dígame, como se ve o mundo dende unha zoca?

-Quentiño e seco. Tamén teño que recoñecer que eu son máis de zocos que de zocas. Mañá [por hoxe] calzarei uns zocos, que xa puxen máis veces. A mediados dos 70, non sei moi ben como, pero en Ferreira púxose de moda entre os rapaces levar zocos.

-Diríamos hoxe, era ‘lo más...’

-Si, era «lo más». Manteiga vendía zapatos e zapatillas e fabricaba zocos. En outubro de 1976 marchei a Madrid estudar Xornalismo e aquel Nadal, cando volvín a Ferreira, levei os zocos comigo porque na Complutense facía unha xeada e un frío! Á universidade fun moitas veces en zocos. Pero houbo máis zocos por Madrid... Regresei no 1994 e polo 95 ou 96 chamoume meu irmán, que tiña un posto de filatelia en Madrid. Díxome ‘oe! Ti serás capaz de conseguir uns zocos para levar á Plaza Mayor, que alí non hai quen aguante de frío en inverno?’ Compreillos en Santiago e mandeillos. O curioso é que aos 15 días ou ao mes volveu chamarme: ‘Mándame outros que tamén os quere o do posto do lado’.

-As zocas chegaron á pasarela de Cibeles. Que lle parece iso?

-Iso é un mérito do zoqueiro Alberto Geada. Impresionante. As súas zocas non apareceron so en Cibeles, están en museos por Europa adiante. Como dicía Valle-Inclán, hai que quitar o cranio ante o empuxe que ten, o ben que fai as cousas e como leva Alfoz e O Valadouro polo mundo adiante. No fondo dáme a sensación de que a festa do sábado é un pouco homenaxe a todos os zoqueiros que houbo. En tempos houbo moito zoqueiro aquí.

-Aínda que os tempos sexan modernos, hai que seguir aprendendo dos de antes, non?

-Os zocos están en Galicia de moda grazas ao traballo de Elena Ferro. O zoco é un calzado comodísimo pero necesita un día de práctica para acostumar o pé.

-Coma as mulleres cos tacóns...

-Imaxino. Os tacóns non os probei (ri)... Alberto ten deseñado algunha zoca de tacón tacón.

-Algunha cousa máis que dicir do Mercado da Primavera?

-É unha festa única. Vin no Facebook de Alberto Geada a foto dunha nena de dous anos recollendo as súas zocas de cor rosa. Estase creando unha canteira imporante e paréceme moi interesante. As zocas estaban destinadas a desaparecer e ao mellor conseguimos volver a usalas. Non seríamos os primeiros, en Holanda é bastante habitual. Por último... dicirlle a quen nunca estivera nesta festa de Ferreira que vaia pero xa! Cun pouco de sorte se abre unha raiola en sábado en Ferreira...