«Este ano Foz vai estar de moda na Mariña no Nadal»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

O rexedor di que coas obras na Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro Foz cobra aspecto moderno

31 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para un alcalde, cando se inaugura unha obra tan importante, é un orgullo». Así falaba Javier Jorge Castiñeira, destacando que co remate da remodelación da Avenida da Mariña conseguiron culminar un traballo que levou algúns anos e no que participou moita xente. «É a consecución dun obxectivo que continúa, xa que hai que empezar a actuación en Álvaro Cunqueiro.», afirmou

-Queda semipeatonalizada

-Si, non é peonil total; estamos nunha situación provisional na que poden pasar os coches dos residentes, furgóns de carga e descarga e usuarios de aparcamentos. É un formato mixto, obrigado pola necesidade de dar servizo ós garaxes, pero queda un tráfico moito menor e con limitación de velocidade a menos de 20 kilómetros hora e sempre con preferencia para o peón. Provisional, ata despois do Nadal, a ver como solucionamos coa obra de Álvaro Cunqueiro. Haberá que modificar costumes e recordar que as zonas para aparcar non son para ir ós bares, senón para os residentes e para os locais comerciais que teñen alí o seu coche ou camión (...) Esta semana repartirán tarxetóns a autorizados que deberán levar no salpicadeiro para que sexan identificados pola Policía Local e evitar así trucos.

-É o inicio de unha actuación máis ampla.

-Si, Foz non tiña aspecto de casco moderno coma outros cascos españois ou europeos, que tiñan unha zona habilitada para disfrute das persoas e para o comercio e o ocio; coas obras prímanse isto; dáselle un aspecto moderno, accesible. O casco vai cambiar completamente. Nos están chamando sorprendidos polo cambio de imaxe. E en sete ou oito meses estará tamén rematada a remodelación de Álvaro Cunqueiro. Seguro que nos colle o verán coas obras máis avanzadas que estaban na Avenida da Mariña. Isto complementa a parte do porto que xa mellorou a imaxe coas terrazas e a da praia, co carril bici, e a zona de Illa Nova, que se amplía con terrazas. Foz vai collendo imaxe de pobo moderno, sen esquecer que en verán pasamos dos dez mil ós 25.000 habitantes, Foz convértese en tres meses nunha cidade pequena que triplica poboación. Isto demanda obras deste tipo. Os comerciantes de Álvaro Cunqueiro están encantados de que cerca se habilitara un espazo de lecer que non había e xa se imaxinan outro igual.

-Mereceu a pena a polémica

-É entendible. Os prazos dos veciños ou dun comercio que pensa na caixa que pode facer no verán, son distintos dos da Administración, pero temos que ter alcance de miras. Fíxose un bo traballo, dende o equipo redactor, a dirección de obra, os técnicos e traballadores da empresa, o Concello. E especialmente a Policía Local, que se implicou . Era un reto complexo e non houbo incidentes. Iso é mérito da Policía Local. Agora mesmo adiantamos tres meses os prazos; si houberamos parado no verán estariamos agora en obras, pero deste xeito temos tres meses para facer probas, para que a calle fale. Estou convencido de que este ano Foz vai estar de moda no Nadal na Mariña (...) Dende o Concello imos esmerarnos, en iluminación, en tratar de potenciar a campaña, creo que o comercio o merece. (...) Todas as administracións colaboramos aportando similar cantidade. A Xunta, 600.000 euros; a Deputación 700.000 e o Concello 605.000. É a inversión para as dúas obras, Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro.