
Continúan as mobilizacións «polo aumento de derivacións»
21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.«Viveiro e A Mariña están en pé, non deixaremos que nos quiten a área sanitaria», lembraban onte os membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Como cada mércores houbo de novo concentracións diante do Hospital da Costa e dos centros de saúde da comarca.
«Esta supresión das área sanitaria da Mariña resulta claramente prexudiciais para as perto de 80.000 persoas adscritas á área sanitaria da Mariña», repetiron.
En Viveiro veciños e veciñas manifestaron o seu malestar «polo aumento de derivacións ao centro médico privado de Lugo, Polusa, para probas e intervencións cirúrxicas que antes se facían no Hospital da Costa. A conta de resultados dalgúns destes centros, como o Polusa ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que curiosamente acometeu recentemente unha importante reforma das instalacións, non paran de medrar a medida que se reduce a carteira de servizos do hospital de Burela»; criticaron tamén o custe dos desprazamentos.
En Viveiro cantaron panxoliñas de protesta, adicadas ao Sergas (na imaxe superior) e montaron unha curiosa árbore de Nadal, a árbore da saúde.