«No 1987 demos o gordo de Reis e os directores dos bancos non saían daquí»

A MARIÑA

Jesús Lombardía, que rexenta a administración, lembra o premio que impactou en Mondoñedo
30 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Dentro duns días cumpriranse 31 anos do gran premio de case douscentos millóns das antigas pesetas que deixou o gordo do sorteo extraordinario da lotería de Reis en Mondoñedo. No sorteo daquel 5 de xaneiro do 1987 a cidade episcopal convertiuse en protagonista a nivel galego polo gran premio que deixou o número 4675. Jesús Lombardía e a súa dona, Montserrat Torres, rexentaban entón a administración número 1 de Mondoñedo, despacho que rexenta desde o 2012 o seu fillo, Jesús Lombardía, que no ano do gran premio tiña 19 anos.
-¿Acórdase aínda a xente de Mondoñedo daquel premio?
-Hai moita xente que é cliente habitual e que aínda me conta anécdotas daquel momento. Acórdome que daqueles case douscentos millóns de pesetas, unha parte foran para Suiza, onde un mindoniense compartira lotaría con outros galegos.
-¿Que lembranzas ten vostede?
-Notábase no ambiente que había en Mondoñedo. Cando demos o gordo, os directores dos bancos non saían daquí. Estaban pola administración a diario. Paseando por diante seguido.
-¿O 4675 era un dos abonados?
-Non. E custara moito vendelo porque a xente non o quería porque era un número pequeno. Hai clientes que me din que chegaron a ter o décimo premiado na man e non o quixeron porque era un número baixo. E ao final, xa ve, dezaseis millóns de pesetas por cada décimo. Custara vender aqueles décimos.
-¿E notouse en Mondoñedo o premio da lotaría?
-Notou. Unha señora aproveitou para amañar o tellado da casa, outro señor puxo unha ferretería... Notábase na xente.
-¿Cantos décimos venderan?
-Dos premiados, na administración vendéranse nove e despois outro décimo tivera un premio especial ao décimo, á sección e á fracción e levara cincuenta millóns de pesetas. Fora para un veciño dos Agros.
-¿Volveu alguén a pedir aquel número?
-Creo que ninguén o pediu ao ano seguinte.
-E para o sorteo do vindeiro día 6, ¿ten vostede algún número especial?
-Temos o 15186, que é un número abonado para o sorteo do Nadal e tamén para o de Reis. Pero xa non quedan. Está esgotado.
-¿Levan moito tempo con el?
-Desde o ano 1984.
-Vostede integra unha saga da que tamén formou parte o seu avó Manuel Lombardía Cayeiro e a súa nai, Montserrat. ¿Deu algún premio importante?
-Ao pouco de facerme coa administración. No 2012 din o segundo premio da Lotería Nacional co número 50098. Vendín dezaséis décimos e cada un estaba premiado con 12.000 euros. E no pasado sorteo navideño en Mondoñedo repartimos 156.000 euros coa venda de 130 series do 55198.
-¿E lembra algún outro premio?
-Vendemos décimos do gordo de Nadal do 1985, pero foron para unha xente de Burgos que soñara con ese número. Creo que ese ano non lle tocara a ninguén de Mondoñedo.