«Aos 'vesperos' gústanos disfrutar da vida, dos amigos e da gastronomía sen correr»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O club mariñán agrupa a uns 30 afeccionados ás motos e coches clásicos de Galicia e Asturias

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tres anos que Fran Rivas Dasilva, a quen todo o mundo coñece como Pitero, xuntou a «catro ou cinco amigos» de Lourenzá aos que tamén lles gustaban os vehículos clásicos, pero sobre todo as Vespas. «Entre todos xuntamos once ou doce motos e coches, e aí empezamos», recorda o presidente de VespaFaba e Clásicos Lourenzá, un club que hoxe en día agrupa a unha trintena de afeccionados de poboacións tan dispares como Lourenzá, As Pontes, A Coruña e mesmo de Asturias, como detalla este laurentino de 42 anos que posúe máis de 15 motos e ata unha carroceta de 1930. «A maioría da xente que ten Vespa ten coches clásicos, e tamén hai xente que agora non ten, pero polo simple feito de que che gusten xa podes ser amigo de VespaFaba», convida.

-O domingo pasado xeneraron bastante expectación nas Quendas de Mondoñedo, a donde levaron unhas 20 vespas e lambrettas...

-Nesta ocasión invitounos a Asociación As San Lucas, pero movémonos moito durante o ano. Case todas as fins de semana imos a algún sitio. A fin de semana anterior estivéramos en Bretoña, e esta iremos ao rali de clásicos de Viveiro. O 20 de maio temos unha concentración en Ourense á que levaremos oito ou 9 coches. Tamén imos a Nigrán, facemos tres ou catro fechas en Asturias... No 2017 estivemos na presentación do Vespa Club de España en Madrid...

-Parece que non paran...

-É verdade porque te chaman de moitos sitios e colaboras levando os coches ou as motos, en conferencias, feiras de recambios...

-Ademáis de acudir a concentracións e exhibicións que se organizan noutros puntos da xeografía galega e española, ¿organizan algunha cita como club en Lourenzá?

-Temos dous eventos anuais. En Semana Santa organizamos a reunión de amigos de VespaFaba e Clásicos. E durante a Festa da Faba facemos unha concentración na que no ano pasado pasamos de cen vehículos.

-¿Xoga algún papel a velocidade na súa afección?

-Un «vespero» non é un motero. Aos ‘vesperos’ gústanos disfrutar da vida, dos amigos, da paisaxe e da gastronomía sen correr. A Vespa é para pasear, nela non miras o tempo, aínda que podes dar a volta ao mundo nela. A marcha máis longa que fixemos foi a de La Travespera, en Cangas de Onís. Foron 230 quilómetros rodando todo o día e bordeando os Picos de Europa.

-¿Segue sendo o motor un mundo de homes?

-Cada vez menos. En VespaFaba tamén hai mulleres «vesperas». Temos un grupo en Facebook (https://www.facebook.com/VespaFaba-Cl%C3%A1sicos-Lourenza-LU-572104593138306/) e tamén estamos en Instagram para colgar o que facemos.

-¿Teñen algún vehículo singular?

-Hai uns cantos, como os míticos 600 ou o Escarabajo, pero no club temos un coche que rompe os esquemas todos porque no seu día foi un coche funerario. Témolo para chamar a atención, para dar imaxe e rizar o rizo e o certo é que o conseguimos. É un Peugeot 505 2.2. GTI automático de 1989, coa matrícula LU-K, e de gasolina. A xente alucina con el. Chamámoslle «a ranchera». O sábado fixo 47.700 quilómetros, está noviño. Hai xente á que lle dá «yuyu», e por iso sacóuselle o crucifixo, puxémoslle unha moqueta pola parte de atrais e enchémolo de globos para regalarllelos aos nenos nos sitios onde o levamos.

«Teño andando 3 Vespas e 1 Lambretta, e pendendes de preparar dúas que teñen sidecar»