
Jonathan Dasilva, de Lourenzá, representará á Mariña como recanteiro no Luar da TVG, un soño que xa intentou cumprir noutras dúas ocasións e que por fin logrou
03 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.«Non teño dúbidas, é a miña mellor experiencia no mundo da canción ata o momento», di coa ilusión dun neno que estrea zapatos novos Jonathan Dasilva, o futuro recanteiro da Mariña no mítico programa Luar, da Televisión de Galicia. Un paso de xigante na súa carreira dentro do mundo da canción, co que leva anos soñando: «Á terceira foi a vencida, xa era a terceira vez que me presentaba». E parece que foi chegar e encher, pois no seu bautizo televisivo atopouse «moi cómodo», malia que tiña na cabeza que ía estar máis nervioso. Todo un éxito para este rapaz de Lourenzá de tan só 20 anos.
Se o comezo na pantalla foi ben, tamén o foi a súa estrea no mundo da canción, que fixo xa de neno: «En Mondoñedo, dende ben pequeno, estiven aprendendo canto no concurso Mamá quero cantar». Alí, a futura cara da Mariña no Luar descubriu novas técnicas de canto para avanzar na súa paixón, que lentamente se ía formando. Recoñece non saber exactamente por que se presentou, «simplemente fun e gustoume», pero hoxe en día o seu gusto pola canción non variou.
Logo ha ser tamén un orgullo para Lourenzá e para A Mariña, pero de momento, na súa casa, tenos gañados a todos. «Sempre me apoiaron moito, sen ir máis lonxe o outro día nunha cea que fixemos todos xuntos, cando cheguei eu déronme un aplauso e todo». Agradece moito este apoio, que tamén recibe de cotío dos seus amigos e amigas, e de toda Lourenzá.
"Dareino todo e intentarei facelo o mellor posible"
A súa progresión e gusto polo mundo da canción lévarono, pechada a etapa da aprendizaxe, a ser fichado por unha agrupación musical, La Gira, que o iniciou no universo das orquestras. Actualmente continúa ben ligado a este sector, do que lle gustaría chegar a vivir nalgún momento. Forma parte da orquestra Venezia, que ten a súa base en Lugo e que comparte con outros nove profesionais da música e da verbena. «Faciame moita ilusuón este ano poder cantar con eles, pero este verán todo se cancelou pola pandemia», sinala Dasilva, que conta con poder estar con eles o vindeiro ano. Non quere falar sobre o seu futuro dentro do mundo da música, «pois quero dedicarme á música, pero non sei nin como nin onde, non me pecho portas».
Algo que está claro é que tódolos venres poderemos velo no programa presentado por Xosé Ramón Gayoso na TVG. «Cantarei só cando me toque, pois o concurso dos ‘Recantos’ é como unha competición na que se enfrontan unhas comarcas contra as outras», pero estará sempre alí presente. A súa boa e primeira experiencia premitiulle coñecer aos compañeiros, cos que notou boas vibracións, aínda que o seu obxectivo será superalos. «Dareino todo e intentarei facelo o mellor posible, pola Mariña e tamén por Lourenzá».