
A chuvia non impediu a celebración e o bo ambiente polas rúas
17 may 2022 . Actualizado a las 18:50 h.A Mariña celebra o Día das Letras Galegas con música, teatro e, sobre todo, libros. Unha data dedicada este ano ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.
A ameaza de choiva non impediu que se celebrasen a meirande parte dos actos. Un dos pratos fortes é na tarde deste mércores o concerto de Roi Casal na Casa da Cultura de San Cibrao.
Ribadeo pecha a súa feira do libro. Por ela pasaron a presentar e asinar libros, entre outros, a burelense Antía Yáñez, que presentou «Un elefante rosa na habitación»; o mariñán Paco Rivas ou o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
En Viveiro a media mañá o gaiteiro David Bellas interpretou o himno galego dende o balcón da biblioteca municipal. A mañá estivo moi animada co pasarrúas de Bágoas da Terra e co desfile dos Maios.
Ademais tanto en Viveiro como en Foz moitos escaparates expoñen traxes galegos estes días. Gadis sumouse a esta iniciativa das Letras Galegas con versos de autores galegos pintados nos pasos de peóns de moitas vilas, entre elas Viveiro ou Foz.
Pola tarde en Viveiro, no salón do Conservatorio, aínda hai un recital con música e poesía, con Rosa Lage, Victór Rolle e Lara Fernández.
Un dos pratos fortes de é o concerto de Roi Casal (19h), co seu espectáculo «Son galego, son cubano», que ofreceu na Casa da Cultura de San Cibrao (nun principio ía ser en Sargadelos, pero o mal tempo obrigou a trasladar o concerto a San Cibrao); xa avisara o Concello de Cervo previamente.
No Valadouro houbo teatro, precisamente cunha peza para dar a coñecer ao homenaxeado deste ano, Delgado Gurriarán, poeta de Valdeorras que sufriu o exilio. En Ourol non faltou o humor co coñecido monologuista e actor Pepo Suevos.
Dunha maneira ou doutra en todas as localidades houbo actividades para celebrar o Día das Letras Galegas. E continuarán os actos toda a semana ata o domingo con infinidade de actividades. Mágoa que o tempo non colaborase demasiado onte.