A Xunta detecta un novo caso de ave silvestre afectada por gripe aviaria en Xove

La Voz XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

J. ALONSO

Trátase dun exemplar de gaivota patiamarela que foi achada morta en Morás

13 feb 2023 . Actualizado a las 20:08 h.

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de gaivota afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dun exemplar de gaivota patiamarela que foi achada morta en Morás (Xove). Foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral e mostrexada para a análise no laboratorio. Con este novo caso son xa 30 o total de focos notificados en Galicia, todos en aves silvestres (mascatos e gaivotas), desde o primeiro caso detectado en agosto 2022. Varios deles na costa de Lugo.

«Cómpre polo tanto reiterar a necesidade do reforzo das medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como a importancia de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente», avisan.