Emilio Ínsua, pregoeiro da Semana Santa de Viveiro: «O museo sacro tiña que habelo xa»

y. garcia VIVEIRO/LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Este sábado dará o pregón a partir das 20.30 no Pastor Díaz, trala presentación dun libro de Antón Niñe ese día e un concerto de peche de Alborada

02 abr 2023 . Actualizado a las 20:49 h.

A Semana Santa de Viveiro amosa diferentes facianas según como se viva, como levador, espectador, dende a cristiandade ou formando parte desa «gran familia» de mil maneiras. Emilio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967), docente na actualidade no IES A Basella de Vilanova de Arousa, vai experimentala como pregoeiro este sábado na súa vila natal.

—Está en disposición de adiantar algo do guion ou é segredo?

—Non vou descubrir o Mediterráneo, como se dicía. Vou facer un pregón moi personal, moi meu, con historia, reflexións, repaso, características e peculiaridades que se deben poñer en valor da Semana Santa de Viveiro. E vou intentar non defraudar.

—O último seguramente que non.

—Pola experiencia que teño de escoitar pregóns, ou lelos a posteriori, a veces un cae en contar o que xa a xente sabe de sobra e seguro que hai perspectivas ou maneiras de achegarse á Semana Santa que para o público de Viveiro poden ter máis valor, por ser menos coñecidas e frecuentadas. Espérase que lles fales do que coñecen, pero que aportes máis. Non ten por que ser un dato histórico. Non creo que sexa o momento de facer grandes erudicións. É achegarse a esa tradición que mestura moitas compoñentes: unha parte relixiosa evidente, pero tamén comunitaria, de identidade de pobo e de vila, de xeracións que van collendo relevo e lle dan riqueza. Gustaríame dar unha visión moi globalizada, como un poliedro: todas as perspectivas importan e contribúen e fan de Semana Santa o que é. Escoller unha única é empobrecedor. Arredor da vivencia devota e confesional tamén hai moitas vivencias. O grandioso da Semana Santa reside niso, máis que no propiamente relixoso, con todo o respecto que se merece. O que quere ver devoción, vai ver devoción, pero tamén se transmite unha sensación de profundidade que vai mais alá da fe. É algo máis global, integral, porque é historia familiar. Ten unhas peculiaridades, producto de moitos séculos, pola implicación de xente distinta e por poder disfrutar dende distintos puntos de vista.

—Ao longo do tempo a Semana Santa de Viveiro tamén mudou e non quere dicir que sexa mellor que a de antes nin á inversa.

—Sempre hai purismos das cousas e as opinións son libres. Á semana Santa nacéronlle fenómenos espontáneos, penso que ben intencionados, como bailar as andas ou aplaudir o paso en determinados momentos, na praza ou na ponte, de gran espectacularidade. Algúns din que iso antes nunca se facía. Penso que nace porque a xente necesita manifestar e dar unha resposta ao que vive, que é tan intenso, emotivo. Ten que canalizar esa vivencia. E creo que o fai dende o respecto. Ademáis, penso que ten que ser unha celebración viva porque cando a acartonas ou non deixas introducir elementos novos, estala poñendo en risco, pode fosilizar. A Semana Santa de Viveiro superou varias veces ese risco.

«Na Semana Santa de Viveiro transmítese unha sensación de profundidade que vai máis alá da fe»

—Como vive a Semana Santa?

—Vivín moitas Semanas Santas distintas de Viveiro. Enriqueceume non vivila dende un mesmo ángulo. De neno coa familia, de músico coa banda, con Alfosno Mariño, que tocaba nas procesións, e despois vivina, e vívoa, dende un campo máis intelectualizado, colaborando con traballos na revista Pregón, cando se fixo o expediente para a declaración de Interés Internacional e firmei como escritor porque merecía esa distinción, sempre que mo piden estou disposto a colaborar ou cando rescatei un libro inédito de 144 poemas de García Dóriga de temática relixiosa, Lex dei, e publicouno a Xunta de Cofradías sen ánimo de lucro... As perspectivas que levan a alguén en Viveiro a colaborar coa Semana Santa son tan diversas, depende de tantos factores... que sumas e sumas e tes a máis de medio pobo involucrado na Semana Santa.

—Fala da declaración de Interés Internacional, xa conseguida. Que quedaría ainda por acadar?

—Agardo que as nosas diversas autoridades (locais, provinciais, autonómicas, estatais, europeas) fagan man común para crear un museo sacro en Viveiro. Estamos perdendo a oportunidade de que sexa un atractivo, un imán para que haxa visitas todo o ano e quen non poida vir nestas datas concretas teña un lugar, un espazo, onde ver todo, en paneis e vitrinas. Non sei como hai que convencer dun proxecto que tiña que ser surprapartidismos e supraideoloxías. Un museo de Viveiro, onde haxa salas para artistas, literatos, historia e arte sacra tiña que habelo xa. Un museo que recollese nunha boa parte todo ese patrimonio escultórico e artístico de pasos, estandartes, cruces, obxectos litúrxicos... Xa o pediu Fausto Galdo hai máis de 30 anos! Fago un chamamento porque só se sae adiante arrimando todos o ombro. Como vou repasar cousas de mérito literario e artístico vinculadas á Semana Santa apoveitarei para recordar que xa está en plenitude; hai o dobre de procesión que había cando eu era neno, pero necesita ese escaparate durante o resto do ano.

Trala presentación de Escultores Rivas Varela, de Riotorto a Compostela de Antón Niñe (Conservatorio, 13.00) o día 1 será pregón a cargo de Emilio Xosé Ínsua López, presentado por Aurelia Balseiro García e pechando o acto a Coral Polfiónica Alborada de Viveiro (20.30, Teatro).