«Máis de 5.000 persoas participan nas 15 procesións que ofrece Viveiro en 10 días»

A MARIÑA

O presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro, José Veiga Golpe, destaca a implicación de xente de todas as idades, especialmente dos nenos
04 abr 2023 . Actualizado a las 22:04 h.Irmán maior da Cofradía do Prendemento e presidente da Xunta de Cofradías, José Veiga Golpe (Viveiro, 1967) confía en que o bo tempo acompañe a Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional, e que neste 2023 semella que aparcará por fin dalgunha maneira a palabra «covid». «Será un ano completamente normal, sen mascarillas e sen nada. O ano pasado tivemos moitas medidas de hixiene nos pasos, na roupa..., pero este ano xa se parece a como era antes do covid», expón.
—Cales son as novidades máis relevantes deste ano?
—A máis importante probablemente sexa o cambio de recorrido da procesión da Misericordia, que sae o xoves Santo de madrugada e subirá pola Avenida de Cervantes en lugar de entrar pola Porta de Carlos V. Vaise acurtar o tempo do percorrido, e iso vai ser bo tamén para o Encontro.
—A Semana Santa viveirense move a milleiros de persoas na organización. Que cifras manexan este ano?
—Na Semana Santa hai oito cofradías cuns 3.400 cofrades entre todas. E participando nas 15 procesións que se organizan en dez días haberá ó redor de 5.000 persoas. Só na da Piedade participan en torno a 1.500 entre levadores, filas, hachóns, bandas... No Prendemento son outras 1.000, e o resto son máis pequenas, pero penso que a cifra total de participantes andará sobre as 5.000 máis ou menos.
—Nalgúns lugares, a Paixón está asociada á xente maior, pero en Viveiro hai moita xente nova...
—As familias están tan metidas na Semana Santa que aínda que estean un pouco desligadas da Igrexa si seguen tendo ese cariño, ese aprecio á Semana Santa para achegarnos á Paixón e a relixión. Os nenos participan moitísimo, están moi metidos, e, se ese é o camiño para orientalos no tema relixioso e de que coñezan a vida de Xesús, tamén é bo. E por outro lado, coñezo xente de máis de setenta anos, de 74 ou 75, que aínda leva pasos como a Virxe das Dores porque se encontra ben fisicamente e segue participando como levador.
—Como lle explica a alguén de fóra o significado desta tradición na cidade do Landro?
—Explicarlle á xente de fóra o que se vive na Semana Santa de Viveiro é complicado porque está todo o mundo metido nela. É algo que se vive desde neno. Unha persoa de fóra pode encontrar que ó mellor somos máis serios e máis sobrios que noutros sitios onde hai máis folclore, que a vivimos con máis respecto e silencio, pero tamén hai dous tipos de Semana Santa. A máis tradicional, a máis recollida, como é a do Encontro, o Desencravo ou Os Caladiños, que se viven con máis rigorosidade franciscana, e outra con máis espectáculo, como é a procesión da Piedade ou mesmo a da Misericordia ou a do Prendemento, con moito colorido, moita roupa....
—Os oficios son a esencia...
—Nos oficios de Semana Santa hai unha resposta bastante aceptable para como está hoxe en día o tema da Igrexa todo o ano. Acostuma a haber bastante xente, tanto o xoves Santo, como o venres Santo como na vixilia pascual do sábado Santo hai bastante participación.
—Teñen confirmada a asistencia autoridades?
—O bispo ten previsto estar no Encontro do venres Santo e dará o sermón das Sete Palabras. E tamén temos confirmada a asistencia do presidente da Xunta e do da Deputación á procesión do Santo Enterro o venres Santo.