Carlos Nuevo: «Pastor Díaz iniciou as obras da estrada de Viveiro a Cabreiros sendo ministro»
![Lucía Rey](https://img.lavdg.com/sc/vC-62d9U3X6yWSKC1kleGgzySq0=/75x75/perfiles/46/1622715007007_thumb.jpg)
A MARIÑA
![](https://img.lavdg.com/sc/gq6fd9FXhmHYynMSX4a_gN67xEM=/480x/2023/09/14/00121694684701623477721/Foto/X08F8058.jpg)
Terra de Viveiro organiza este venres un acto polos 100 anos do traslado dos seus restos
14 sep 2023 . Actualizado a las 12:40 h.Coincidindo con dúas efemérides importantes ó redor de Nicomedes Pastor Díaz Corbelle (Viveiro, 1811-Madrid, 1863), o Seminario de Estudos Terra de Viveiro organizará este venres, 15 de setembro (19.00 horas, fronte á estatua da Praza Maior), un acto na honra dunha das figuras máis relevantes da cidade do Landro, como recorda o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, quen intervirá nel. Alumnado do CEP Lois Tobío ofrecerá un recital cunha escolma de poemas pastordianos, e haberá música con Esperanza Pérez, Lino Rico e Manuel Rodríguez, directivos do Seminario. Logo realizarase unha oración e unha ofrenda floral diante do sartego de Pastor Díaz, na igrexa de San Francisco.
—Que van conmemorar?
—O 13 de setembro cumpríronse os cen anos do traslado das cinzas de Pastor Díaz a Viveiro desde a Sacramental de San Lourenzo e San José de Madrid á igrexa parroquial de Santiago e San Francisco. E o día 15 celebraríanse os 212 anos do seu nacemento. Por iso, coincidindo con esas dúas efemérides, ímoslle facer unha homenaxe.
—Por qué é tan relevante a figura de Pastor Díaz?
—Para o Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Pastor Díaz é unha das figuras máis destacadas que hai: como poeta, xornalista, ensaísta, crítico literario, novelista e político que ocupou diversos cargos como gobernador civil, deputado en varias ocasións, subsecretario de Gobernación, ministro en tres ocasións, reitor da Universidade Central, académico na academia da Lingua Española e a de Ciencias Morais e Políticas. E ó mesmo tempo foi diplomático en distintos lugares como Portugal ou Italia, en Turín. Ten unha biografía, un currículo espectacular, impresionante. Non hai ninguén en Viveiro que teña o currículo de Pastor Díaz.
—Podería falar dalgunha medida que tomou en favor de Viveiro?
—Nunha das tres ocasións en que foi ministro, estando el á fronte do Ministerio de Fomento, iniciáronse as obras da estrada de Viveiro a Cabreiros pola Gañidoira, que era un porto de montaña moi difícil, e era unha obra realmente cara. E despois diso, sendo ministro de Instrución Pública e Ensinanza, foi o que fixo a proposta de creación do bacharelato. Os estudos de bacharelato naceron con Pastor Díaz porque antes o que había eran estudos primarios simples. Foi el o que estableceu como ministro os estudos secundarios...
—Lévanselle feito distintas homenaxes na súa cidade natal...
—Certo. Nesta ocasión conmemoramos o centenario da translación dos restos. Algo que si merece a pena celebrar porque foi realmente difícil de acadar. Os viveirenses trataron de traer a Pastor Díaz antes de 1923 en diferentes ocasións. No 1901, no 1911, no 1916 e no 17, pero non o conqueriron por diferentes motivos. As iniciativas dos traslados empezaron xusto despois de que se erexise a estatua, no 1891, por iniciativa de Manuel Murguía, da Academia Galega, dos centros galegos de Arxentina e Cuba, da Deputación Provincial de Lugo e do Concello. A partir de aí, houbo distintas voces que trataron de conseguilo escudándose nunha estrofa do poema de Pastor Díaz titulado «A la muerte», que di: «Llévame de mi Landro a los vergeles. Y allí, muerte piadosa. Bajo los mismos sauces y laureles. Dó mi cuna rodó, mi tumba posa...». Nel, Pastor Díaz estaba pedindo que, unha vez despois de morto, trasladasen os seus restos a Viveiro. El foi enterrado en Madrid.
—Como se conseguiu finalmente que os seus restos mortais fosen trasladados no 1923?
—Nese momento, José Barro, empresario e director da fábrica de Chavín, vai ser o que colla as rendas da comisión que se encarga de organizar o traslado xunto co Centro Galego de Madrid. Presidía a comisión Domingo Villar Grangel. Un órgano no que figuraba Pedro Pastor Díaz, conde de Sepúlveda, que era familia directa de Pastor Díaz. En Viveiro había outra comisión aberta. O enterro de Pastor Díaz foi un enterro de estado, desde que collen as cinzas en Madrid ata que chegan a Viveiro, con actos en lugares por onde pasaba o tren. E ó enterro en Madrid acudiu a plana maior do Goberno, moitos ministros.