«Festa rachada» do galego na Mariña, cunha morea de citas lembrando a Luisa Villalta
VIVEIRO / LA VOZ
A MARIÑA
David Bellas tocará o Himno de Galicia en Viveiro, a Banda Municipal de Música de Ribadeo dará un concerto e en Mondoñedo haberá homenaxe a Lorca
17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Este venres é o Día das Letras Galegas, unha data inesquecible e que anualmente nos leva a render homenaxe aos escritores na nosa fala materna galega. Este ano, a protagonista é Luisa Villalta.
- VIVEIRO. Ciclo «Orgullo de ser». Continúa en Viveiro este venres 17, unha xornada completa na que haberá música, interpretando o Himno de Galicia o gaiteiro viveirense David Bellas (12.00, Praza Maior), tendo lugar a continuación unha sesión de baile tradicional a cargo dos grupos infantil e xuvenil de Bágoas da Terra. Un pouco máis tarde, terá lugar a cita tradicional Música e libros (Praza da Fontenova, 13.30) onde tamén actuará o Coro Infanfil do CEP Lois Tobío e a Coral Polifónica Alborada de Viveiro. Este último evento conta coa colaboración da Libraría Porta da Vila e de África Copias. A maiores, ata o sábado 18 pode verse na Sala Multiusos unha exposición de Bágoas da Terra que leva por título Exaltación do traxe galego. Indumentaria tradicional, que abre ao público de 10.00 a 14.00 horas. Tamén a partir este xoves 16, os usuarios da Biblioteca Municipal reciben como agasallo unha bolsa de tea conmemorativa, unicamente para socios.
- MONDOÑEDO. Lembrando a Lorca. Un concerto homenaxe a García Lorca terá lugar o mesmo Día das Letras Galegas no auditorio municipal Pascual Veiga de Mondoñedo. Este venres 17, ás 20.30. O evento foi presentado polo seu impulsor, Rafa Fernández, máis o concelleiro de Cultura, Alberto García, esta semana. Trátase dunha actuación de 60 minutos de duración denominada Seis polo número de poemas que Lorca escribira en galego, suliñando que «o mellor poeta contemporáneo e un dos mais grande poetas da lingua castelá de todos os tempos, escollese o idioma galego para facer a única incursión poética nunha lingua allea, nun tempo no que o galego provocaba indiferenza no mellor dos casos». Música en directo e videocreación, explicou, «crearán unha atmosfera onírica e suxerente mentres a obra de Lorca é recitada». Acompañarán ao guitarrista eléctrico e compositor, Lara Dopazo na voz, Adriana Páramo en videocreación e Virxilio Da Silva en guitarra eléctrica.
- MONDOÑEDO E RIBADEO. Visitas guiadas especiais. Guia Tu Día ofrece este venres un paseo polos persoeiros ilustres de Mondoñedo (antiga provincia, ás 11.00 horas). Reservas e información no 654 99 68 57. Este domingo haberá outra por Rinlo.
- RIBADEO. Concerto da Banda. A Banda Municipal de Música de Ribadeo dará este venres 17 o seu concerto de Letras Galegas, ás 20.30 horas no auditorio municipal ribadense. O director, David Ballester, lembrou a escritora homenaxeada este ano: «Unha persoa que aparte de ser escritora tamén foi violinista, co cal é para nós un concerto dobremente satisfactorio por dedicalo a unha persoa que escribiu nas letras que todo o mundo coñece e tamén comprendeu as nosas letras musicais». O repertorio, avanzou, vai ser unha temática completamente galega. Entre algúns temas a interpretar, a Alborada de Celanova e unha muiñeira.
- O VALADOURO. Lectura dramatizada. Trémola Teatro fará unha lectura dramatizada este venres 17, ás 20.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura do Valadouro, lendo obras tanto de Rosalía de Castro como de Luisa Villata. Tamén Xoán Curiel ofrecerá «Cantando as nosas letras».
- FOZ. Exposición na Casa da Cultura. A Biblioteca Pública Salgado Toimil organizou unha exposición que homenaxea a Villalta, na Casa da Cultura, a través de paneis sobre a homenaxeada.