Unhas 200 personas encheron o Teatro das Cortes, no Vicedo, para a obra «As fillas bravas de Momán», de Chévere

Lucía Rey
Lucía Rey O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, sobre o escenario do Teatro das Cortes, cativaron ó público dando vida a tres mulleres maiores do rural pandereteiras, cantareiras e empoderadas</span>
Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, sobre o escenario do Teatro das Cortes, cativaron ó público dando vida a tres mulleres maiores do rural pandereteiras, cantareiras e empoderadas CEDIDA

«Foi un luxo actuar aquí!», destacou o director da obra, Xesús Ron

12 ago 2024 . Actualizado a las 11:50 h.

Case a escuras, coa única iluminación dun foco, e de viva voz, sen micrófono, nun escenario xusto a carón do público. Coma nas orixes do teatro. Así presentou Chévere, un dos grupos de teatro máis recoñecidos de Galicia, a obra «As fillas bravas de Momán» no Teatro das Cortes, no Vicedo. Pero o corte de luz que o sábado afectou a Xestoso, na parroquia de Cabanas, un lugar que, en contraste, está rodeado de muíños eólicos, acabou converténdose case nunha oportunidade pese ás dificultades, como recoñecía ó final da representación Xesús Ron, director da función. «Para nós supón un orgullo actuar aquí. Había moito tempo que queríamos vir, e foi espectacular. Aquí recuperamos ese contacto tan estreito co público. Foi un luxo!», destacou o responsable de dramaturxia dunha peza que, desde a súa estrea no 2014, ten sido representanda nuns 200 escenarios de toda Galicia e España. E os asistentes, en torno a 200 persoas, deron forma a un público moi heteroxéneo no que se misturaban veciñas de sempre de Cabanas como Remedios, Carmen ou Asunción, con figuras como o histórico político e economista Xosé Manuel Beiras, que viaxou expresamente desde Santiago para asistir á cita impulsada polo actor Pepe Penabade, natural do lugar, a través da asociación Volta e Dalle.  

Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, caracterizadas como tres mulleres maiores de aldea cantareiras, pandereitas e, sobre todo, bravas, cativaron a uns e outros con coplas e historias que recopilan saberes e experiencias «que poñen en valor á muller empoderada, autónoma, creativa e implicada na colectividade».