Quico Cadaval ofrecerá unha sesión de contos este sábado no Teatro das Cortes, no Vicedo

La Voz O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >Quico Cadaval, en imaxe de arquivo, participará este sábado na «Tarde de contos e outras lerias» que acollerá o Teatro das Cortes, no Vicedo</span>
Quico Cadaval, en imaxe de arquivo, participará este sábado na «Tarde de contos e outras lerias» que acollerá o Teatro das Cortes, no Vicedo Sandra Alonso

Terá lugar tamén a terceira «Ofrenda e diálogos co porco de pedra dos Andrade»

20 nov 2024 . Actualizado a las 20:36 h.

O Teatro das Cortes, no Vicedo, acollerá este sábado unha «Tarde de contos e outras lerias». Dará comezo ás 18.00 horas coas «Ofrendas e diálogos co porco de pedra dos Andrade». «Nela, a veciñanza dirixirase ó porco máis vello da parroquia para contarlle as súas teimas, pedirlle consello ou saber un pouco máis da nosa historia», como resaltan desde a asociación Volta e Dálle, impulsora do proxecto cultural que pretende dinamizar o rural mariñano organizando variadas actividades culturais nunha antiga corte de vacas reconvertida en teatro, e que está situada no lugar de Xestoso, na parroquia de Cabanas. 

A continuación, desde as 19.30 horas, haberá unha sesión de contacontos con Quico Cadaval. Ademais de contacontos é dramaturgo, director de teatro e televisión ou actor. «De traxectoria sobradamente coñecida, leva toda unha vida adicado ao teatro. Na actualidade forma parte da compañía de teatro Excéntricas, na que traballa como actor e director», subliñan os organizadores. É autor de textos como O Códice Clandestino (1989), O rouxinol de Bretaña (1991) para a compañía O Moucho Clerk, ou Espantoso (2002) ou premio María Casares ó Mellor texto orixinal do ano. Coautor tamén de textos como Balada das mulleres doutro tempo (con Xepe Casanova) e O rei nu (con Cándido Pazó) para a compañía Ollomoltranvía. En teatro dirixiu, entre outras, obras como Días sen gloria (1993) de Roberto Vidal Bolaño, Noite de Reis (2008) de Shakespeare, Oeste solitario (2011), de Martin McDonagh ou a Ópera dos tres reàs (2011) de Bertolt Brecht co Centro Dramático Galego.

As actividades contan co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello do Vicedo. A entrada será de balde.