Enmendas do BNG para que a «a Xunta remate a VAC Costa Norte antes de 75 anos»
A MARIÑA
Representantes mariñáns da formación presentaron 15 enmendas sobre a comarca ós orzamentos autonómicos do 2025
27 nov 2024 . Actualizado a las 21:41 h.O pleno do Parlamento de Galicia debaterá a próxima semana os orzamentos previstos pola Xunta para o 2025. Un documento económico que apenas contempla medidas destinadas a mellorar na Mariña servizos sociais básicos, como a educación e a sanidade; as infraestruturas de comunicación, a industria, o emprego ou a vivenda, entre outros temas decisivos para o presente e o futuro. Así o denuncia o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que reuniu este mércores no hotel Urban de Viveiro a diferentes representantes co obxectivo de dar a coñecer as 15 relacionadas coa comarca que presentarán ós citados orzamentos. «O peor é que hai vinte anos poderíamos ter presentado as mesmas enmendas porque, unha vez máis, parece que as medidas políticas van ó peso e, como aquí vivimos unhas 70.000 persoas, nos orzamentos do 2025 A Mariña case non conta para o PP en detrimento doutras zonas do país con máis poboación», expuxo o ribadense Daniel Castro García, deputado no Parlamento galego.
«A Mariña era o motor industrial da provincia de Lugo e hai que facer investimentos para que o siga sendo», Daniel Castro García, ribadense parlamentario do BNG
Sanidade «desmantelada»
Tanto Castro como Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa de Viveiro, fixeron referencia ó que cualificaron de «desmantelamento do centro de saúde» de Viveiro, onde a cidadanía sofre a diario a escaseza de médicos e pediatras. A creación dun terceiro xulgado que aborde en exclusiva cuestións sobre a violencia contra as mulleres tamén entrará nas enmendas, igual que a «urxente necesidade» de que a Xunta impulse infraestruturas viarias como a VAC Costa Norte. «Foi anunciada por Cuíña no 2001 e dos 90 quilómetros proxectados só están en funcionamento 15, en Xove e en Ortigueira», apuntou Castro. «E foron impulsados polo bipartito hai 15 anos. A este ritmo, a Xunta rematará a VAC en 75 anos», engadiu o responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga.
Mario Pillado, tenente de alcalde de Burela, incidiu en que a Xunta debe facerse cargo da Unidade de Atención a Drogodependentes (UAD) de Burela, que funciona a nivel comarcal e depende do Concello. A intervención pública temporal de Alcoa, un plan industrial de reactivación da Mariña ou o impulso de polígonos industriais como os de Barreiros, Muras ou o Valadouro foron outros temas abordados nun encontro no que tamén Montse Porteiro, concelleira en Barreiros; Manuel Requejo, alcalde de Muras; ou Pilar Vázquez e Miguel García, concelleiros en Xove.