O pintor que «devolveu a vida» a once patróns maiores da Cofradía de Pescadores de Celeiro 

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Roque Fanego (Viveiro, 1947) no salón de actos da centenaria Cofradía de Pescadores de Celeiro, onde están colgandos os cadros de 16 patróns maiores
Roque Fanego (Viveiro, 1947) no salón de actos da centenaria Cofradía de Pescadores de Celeiro, onde están colgandos os cadros de 16 patróns maiores Xaime Ramallal

Roque Fanego recreou en acuarela os retratos dos responsables do pósito entre 1923 e 1975

16 dic 2024 . Actualizado a las 15:47 h.

Patrón de cabotaxe e persoa moi querida e apreciada polas familias mariñeiras, Bonifacio Cora Trobo, máis coñecido como Pañoletas, foi o primeiro patrón maior de Celeiro. Corría o ano 1923 e durante o seu mandato foi construída a primeira casa de vendas. Laureano Goás Río estivo á fronte do pósito entre 1927 e 1929, sendo moi coñecido pola súa fábrica de escabeches e salazóns. Antonio Trobo Núñez estivo 19 anos no cargo durante os que se creou a escola elemental de pesca e se realizaron obras importantes. Eles son tres dos once patróns maiores da Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro que dalgunha maneira «volveron á vida» grazas ás mans e ós pinceis de Roque Fanego (Viveiro, 1947), o pintor que se encargou de preparar 11 dos 16 cadros dos responsables do pósito que están expostos no salón de actos da confraría.

Fanego, que se dedicou profesionalmente á banca, pero que sente paixón pola pintura desde que era neno, tivo que recorrer ó enxeño e á mestría para preparar a maior parte dos cadros. «Pasáronme fotos, pero delas o dez por cento estaban ben e o noventa por cento eran de moi mala calidade, así que tiven que inventar a indumentaria. Vestíame de época e diante dun espello fun retratando como poderían ser. Ademais, o colorido tamén o tiven que recrear porque as imaxes eran en branco e negro», relata o especialista, que dedicou unha media de entre 20 e 25 días a elaborar cada unha das pinturas coas que o cabildo da confraría celeirense se animou a recordar, recoñecer en poñer en valor ós patróns maiores que ó longo dun século contribuíron o desenvolvemento e ó esplendor do que é un dos portos pesqueiros máis importantes do Cantábrico.

Ademais dos tres anteriores, Fanego tamén pintou a Francisco Fernández Casabella, Demetrio Travieso, Antonio Pino, Víctor Fernández, Demetrio Travieso, Silvestre García, Santiago Travieso e Manuel Buján. «Para min pintar é unha paixón e unha necesidade. Diariamente debuxo e pinto. Esta idea do cabildo pareceume un gran acerto de gocei moito facendo o encargo», subliñou Fanego, cuxa obra ten sido seleccionada e exposta en institucións e coleccións públicas de toda Galicia. Ademais ten participado en 15 exposicións colectivas e ten obra en lugares como Luxemburgo, Washington, Suiza ou Hong Kong.

Dos retratos dos cinco patróns máis recentes (Vicente Gradaille, Jesús Basanta, Juan Antonio Regal, José Manuel Sánchez e Domingo Rey) encargouse Dani Caxete. Faltan por recrear, por falta de imaxes, Francisco Pernas Sánchez e Antonio Martínez Sánchez.

Onde se poden ver? Están colgados no salón de actos da Cofradía de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro

Cantos son? Hai 16 cadros. Os dos últimos cinco patróns maiores son obra de Dani Caxete, mentres que os dos once anteriores foron pintados en acuarela polo artista Roque Fanego.