O obradoiro de regueifas de Sechu Sende espertou moito interese nos colexios de Covas e do Vicedo

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >Os rapaces dos cursos máis altos do CEIP Plurilingüe de Covas, de Viveiro, gozaron moito do obradoiro no que Sechu Sende lles ensinou a regueifar</span>
Os rapaces dos cursos máis altos do CEIP Plurilingüe de Covas, de Viveiro, gozaron moito do obradoiro no que Sechu Sende lles ensinou a regueifar CEDIDA

Este canto popular garda semellanzas co rap, mellora as destrezas comunicativas e a creatividade, e fomenta a autoestima dos rapaces, ademais formar vínculo coa lingua galega

20 jun 2025 . Actualizado a las 12:09 h.

O CEIP Plurilingüe de Covas, en Viveiro, e o CEIP do Vicedo foron escenario na última semana de curso dunha actividade que espertou moito interese entre os rapaces e o profesorado. Trátase do obradoiro de regueifas que ofreceu Sechu Sende (Padrón, 1972), profesor de secundaria, filólogo, escritor e regueifeiro, que se desprazou ata estes dous centros educativos da Mariña para que os máis novos tivesen a oportunidade de coñecer este canto popular que garda, dalgún xeito, semellanzas co rap.

<span lang= gl >Detalle do obradoiro de regueifas no colexio do Vicedo</span>
Detalle do obradoiro de regueifas no colexio do Vicedo

Desta maneira, as regueifas son cantos entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado. Unha especie de versos a varias voces. «Foi unha actividade para que o alumnado dos dous coles entrase en contacto coa regueifa, que é improvisación oral en verso, e leva uns anos crecendo moito co apoio da rapazada. De xente desde os 4 ou 5 anos, ata o final da adolescencia. Hai un movemento que impulsan familias, pais e nais, e profes, que estamos comprobando que a regueifa é moi estimulante para mellorar as destrezas comunicativas, a creatividade..., para a seguridade persoal e a autoestima, e tamén como forma de vínculo das novas xeneracións coa lingua galega», afirma Sende.

«Foron dúas actividades para que coñecesen a técnica da regueifa e referentes de nenos e nenas coma eles que están regueifando e indo a festivais como o de Pardiñas ou Salvaterra do Miño. E sobre todo para que visen que é importante saber que é moi fácil regueifar. Aprender a técnica de como se constrúe unha regueifa. É un xogo de palabras e de música», engadiu.

Ó redor de corenta rapaces do cole de Covas e en torno a 25 do do Vicedo participaron activamente no obradoiro, no que tamén se falou sobre as Xornadas da Lingua Moza. Unha interesante proposta que se desenvolverá os días 8 e 9 de agosto no Teatro das Cortes, no lugar do Xestoso, parroquia de Cabanas (O Vicedo). Participarán, entre outros, as rapazas do Regueifa Tour: un grupo de mozas de entre 12 e 16 anos que están facendo unha xira de regueifa por Galicia, País Vasco e Cataluña. Esta fin de semana actuarán na Mariña. Concretamente, en Burela estarán este sábado, 21 de xuño, a partir das 21.00 horas na Asociación Cultural Xebra. E o domingo, día 22, estarán na Biblioteca Maravilhas, na Escola de Arroxo, en Lourenzá, desde as 13.00 horas. 

«A idea é que xente de Covas, Viveiro, O Vicedo...coñezan estes referentes de rapazas novas que viven en galego, cantan en galego e fan da lingua algo creativo e divertido», completa Sende. O espectáculo de regueifa complétano pandeiretas e bases de música electrónica.