Eliminación dunha Unidade Infantil no Ceip da Pontenova

Anpa do Ceip da Pontenova

A MARIÑA

07 jul 2025 . Actualizado a las 22:39 h.

Desde a Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do CEIP da Pontenova queremos trasladar á opinión pública a nosa profunda preocupación pola decisión adoptada pola Consellería de Educación, a través da Inspección Educativa, de suprimir unha das unidades de Educación Infantil do noso centro para o curso 20252026. O noso centro contaba até o de agora con tres unidades de Infantil: 4º (3 anos), 5º (4 anos) e 6º (5 anos), agrupadas nun modelo que funcionou con éxito ao longo do curso pasado. Porén, xusto despois de rematar o curso escolar, na última semana de xuño, o CEIP da Pontenova recibiu unha chamada da Inspección na que se advertía da intención de separar o alumnado de 5º curso (4 anos), que viñeran convivindo nunha mesma aula, co fin de reestruturar os agrupamentos para o vindeiro curso.

Esta decisión supón a supresión efectiva dunha das aulas, coa conseguinte perda dunha mestra de Infantil e o prexuízo evidente para o alumnado afectado. As consecuencias pedagóxicas desta medida son múltiples: rompe a continuidade educativa e emocional do grupo, forza a mesturar idades cunha ratio elevada e dificulta a atención personalizada nunha etapa clave do desenvolvemento. Cómpre lembrar que esta medida incumpre a Ley 5/2024, de 27 de diciembre, de medidas fiscales y administrativas, na cal se establece que, para agrupamentos mixtos en Educación Infantil cando hai alumnado de 3 anos, a ratio máxima por aula será de 12 alumnos/as. No caso de agrupamentos de 4 e 5 anos, a ratio máxima será de 14 alumnos/as. A proposta imposta pola administración supera estas ratios, evidenciando que o único criterio aplicado é o recorte de recursos, sen ter en conta nin o benestar do alumnado nin o contexto real do centro.

Desde a ANPA, contactamos co inspector educativo solicitando que se respectara o acordo, mais unha semana despois recibimos a resposta: a decisión estaba tomada, e as nosas peticións foron ignoradas. Consideramos inaceptable esta actitude de desprezo ás familias, ao profesorado e, sobre todo, ao dereito dos nenos e nenas a unha educación de calidade. Non podemos esquecer que, ademais, o noso centro leva anos en situación de abandono estrutural, con instalacións deterioradas e necesidades urxentes que a administración tamén ignora sistematicamente. Dende a ANPA do CEIP de A Pontenova esiximos: - Que se manteñan as tres unidades de Infantil para garantir a calidade educativa. - O cumprimento inmediato do acordo de agrupamentos mixtos en todos os seus termos. - A dotación de recursos humanos e materiais axeitados para atender o noso alumnado con dignidade. NON IMOS CALAR ante esta nova mostra de desprezo cara á educación pública no rural. SEGUIREMOS LOITANDO polos dereitos dos nosos fillos e fillas.

* ANPA do CEIP de A Pontenova.